martes, 28 de maio de 2013

SALVEMOS GALICIA


Non é unha esaxeración. E deberiamos parar a reflexionar sobre este atentado contra o noso patrimonio. Galicia protagonizou na historia recente, que todos e todas temos en mente, os titulares de xornais e noticiarios de todo o mundo e, non precisamente, pola conservación do medio e da nosa contorna, senón pola súa destrución, pola destrución do noso patrimonio humano e natural. Intentan, e o peor é que o conseguen, seducir á poboación con promesas de traballo e prosperidade económica. Pero parémonos a pensar, a que prezo? Xa non é só a destrución dos nosos bosques, das nosas costas, senón, os problemas se saúde que leva aparellado un megaproxecto mineiro como este. Estamos dispostos a iso? Que futuro é o que queremos? Destruír o noso país para o enriquecemento duns cantos (os donos das empresas mineiras)? Se nós non o facemos, quen o fará? 

1001 PESTANEXOS

Fai uns días un blogue amigo, Outubristas, publicou unha entrada que me pareceu unha delicia visual. En palabras do autor deste proxecto, o catalán Marc Galceran, é unha historia do cine explicada sen utilizar palabras. 1001 Blinks (1001 Pestanexos) que en pouco máis dunha hora lévanos a través dunha viaxe cinematográfica que comeza con Viaxe á lúa (1902), de Mèliés, pasando por Cidadán Kane, O Padriño, A Guerra das Galaxias, e finaliza coa invención de Hugo (2011), de Martin Scorsese. Hai tamén sitio para o cine español con obras como Benvido, Míster Marshall ou Pa negre. Todo iso a ritmo de músicas compostas orixinalmente para largometraxes como Superman, Cinema Paradiso ou Robocop, entre moitos outros. Sobresaínte tamén para o mexicano Álex Figueroa, autor dos títulos de crédito, un tributo tamén á séptima arte. Pasen e desfruten.

martes, 21 de maio de 2013

SALGUEIROS CON VIDA



Quietude en movemento é unha escultura da artista polaca Olga Ziemskaque. En certa medida, é arte povera, é dicir, realizada con materiais pobres, neste caso, procedentes da natureza, pois está realizada con pólas e ramaxe de salgueiro, apiladas de tal forma que confiren unha forma humana. Sorprende a sensación de dinamismo creada.

TORNADO ALLEY

Tornado Alley é literalmente en galego corredor dos tornados, un termo empregado nos Estados Unidos para designar a un amplo territorio do país onde se dan as mellores condicións para a formación de tornados. Correspóndese coa área das Grandes Chairas Norteamericanas, unha zona chá onde se encontran as masas de aire frío procedentes de Canadá e as masas de aire cálido tropical do Golfo de México. Cando estas dúas masas de aire, de características diferentes, se atopan, fórmanse os tornados. Esta zona estaría comprendida entre as Montañas Rochosas e os Montes Apalaches. 


O estado de Oklahoma, no corazón dos Estados Unidos, é no que máis tornados se rexistra por kilómetro cadrado ao ano. Precisamente abril e maio son os meses máis propensos para a formación de tornados. A diferencia dos furacáns, cuxa formación ten lugar no océano e pódese ir observando a súa evolución, é moi difícil predicir un tornado. Ademais, os tornados seguen un rumbo bastante errático, polo que non se pode tampouco predicir con precisión o rumbo exacto que tomarán os tornados. No seguinte vídeo explícanos, de forma moi clara, a formación dun tornado. 

ESCULTURA EN MOVEMENTO

ESCALEIRAS


Cantas escaleiras subimos e baixamos na nosa vida? É un elemento no que quizais non deparamos todo o suficiente, pero a verdade é que existen escaleiras de gran valor arquitectónico e artístico. Tomamos do canal de youtube de Encarna Pérez esta fermosa presentación sobre escaleiras. Subamos e baixemos, mentres desfrutamos. 

domingo, 19 de maio de 2013

KLEE


Paul Klee: mestre da Bauhaus é a segunda exposición que a Fundación Juan March adica ao artista suizo. É unha mostra que se centra no proceso creativo e na faceta pedagóxica de Klee, dado que Klee foi mestre da cor e das formas na Bauhaus. 
A Bauhaus foi unha escola de artesanía, diseño, arte e arquitectura fundada en 1919 polo arquitecto Walter Gropius en Weimar (Alemaña). Posteriormente, a sede trasladaríase a Dessau, tamén en Alemaña. Coa chegada dos nazis ao poder pecharon ese centro. Na súa derradeira fase tivo como director ao arquitecto Ludwig Mies van der Rohe. A Bauhaus pretendeu mudar a forma da ensinanza artística como base para a transformación da sociedade do momento. A eles debémoslles as bases do que hoxe se coñece como deseño industrial e gráfico. 
A exposición está artellada arredor de cinco eixes sobre os cales xiraba o seu universo teórico e práctico: a cor, o ritmo, a natureza, a construción e o movemento. Expóñense 137 obras (pinturas, acuarelas e debuxos), realizadas entre 1899 e 1940. Ademais, exhíbense casi un centenar de "notas de clase" e complétase con fotografías da época, postais, axendas, herbarios que facía Klee na súa xuventude, libros da súa biblioteca (Goethe, Leonardo ...). 
A fundación Juan March inclúe ademais un ciclo de 5 concertos coa finalidade de dar a coñecer o mundo íntimo de Klee. E é que o pintor quixo converterse en violista profesional ata que decidiu decantarse pola pintura. Aínda así, a súa vocación musical sempre o acompañou ao longo de toda a súa vida. 
Paul Klee nacera en Suiza nunha localidade próxima a Berna pero desenvolvería a súa actividade tanto artística como profesional en Alemaña. Como cidadán alemán (o seu pai érao) tivo que incorporarse ao exército alemán durante a Primeira Guerra Mundial. Pese a ter nacido en Suiza e desexar renunciar á nacionalidade alemá morreu sen a nacionalidade suiza. En 1911 tivo contacto con outros artistas, Vasili Kandinsky e Franz Marc con quenes formou un grupo vencellado ao movemento expresionista. Walter Gropius púxose en contacto con el en 1920 para que dera clases na Bauhaus e alí impartiu clases de "Teoría da forma pictórica" entre 1921 e 1931. Fuxiu de Alemaña a causa do nazismo, onde foi declarado polo réxime nazi "artista dexenerado". Suiza saldou a súa débeda cun museo en Berna adicado a Klee. 




TOSCANA



A Toscana é unha terra que enamora. E senón, xuzgade vós mesmos. O blogue Turismo Toscana invítanos a coñecer esta marabillosa rexión italiana, chea de arte, tradición e paisaxes inesquecibles. E deste blogue tomamos unhas fotografías para facer voar a mente e abstraernos, aínda que só sexa por uns minutos. 








sábado, 18 de maio de 2013

NIN MORTO, NIN VIVO, DESAPARECIDO


"Un ser despreciable deixa este mundo", dixo a presidenta das Avoas da Praza de Maio, Estela de Carlotto, ao saber da morte de Jorge Rafael Videla, que morreu o venres aos 87 anos. 

Ideológo da represión de Arxentina entre 1976 e 1983, Videla morreu no cárcere por causas naturais. Baixo o seu réxime morreron ou desapareceron unhas 30.000 persoas. Videla, quen chegou ao poder nun golpe de Estado en 1976, foi condeado a cadea perpetua pola desaparición de 31 detidos e a outros 50 anos en 2012 polo roubo de nenos nados de prisioneiras en centros de detención clandestinos. 

Videla nunca mostrou arrepentimento polos crimes de Estado dos que se lle acusaba e polos que foi condeado. É tristemente célebre a súa frase na que evita dar explicacións sobre os mortos durante o terror de Estado "Os desaparecidos son iso, desaparecidos; non están vivos nin mortos; están desaparecidos", dicía ante a televisión arxentina en 1985. 



PIRÁMIDE DO SÉCULO XXI


Nesta ilustración, contida no libro Memorias de la Tierra, Miguel Brieva plantexa un mundo divido en 4 clases sociais ou castas. Imos achegarnos á reflexión que fai Miguel Brieva sobre a nosa sociedade actual: 

1.- GRANDES DEPREDADORES
0,03% do total – 2 millóns de individuos. 
Correspóndese coa elite mundial. Son os propietarios das grandes empresas, xestores das institucións internacionais e os dirixentes dos grandes partidos políticos. Mandan sobre os medios de comunicación. Buscan manter o seu estatus hexemónico e para iso están dispostos a exprimir o planeta e ao resto da humanidade.  

2.- CARNÍVOROS INFERIORES
20% do total – 1.300 millóns de individuos..
É a clase media alta dos países desenvolvidos e a alta dos países subdesenvolvidos ou en vías de desenvolvemento. Sendo só o 20% da poboación mundial, consume sen freno o 76 % das riquezas, é, polo tanto responsable desa mesma porcentaxe da destrución do planeta.  

3.- HERBÍVOROS CURRELANTES
30% do total – 2.100 millóns de individuos. 
É a clase media-baixa ou baixa e, a miúdo, supera só raspando a denominada "soleira da pobreza". Atópase anestesiada polo agotamento e a propaganda. 

4.- PRODUTORES e SUPERVIVINTES
50% do total – 3.500 millóns de individuos. 
Suma a metade da humanidade, aínda que consume menos do 5% dons bens. É a gran masa desposuída e sobreexplotada sobre a cal se asenta todo. Habita en favelas, estercoleiros urbanos e nos campos máis pobres. Con menos de 2,50$ de ingresos diarios, a súa principal ocupación é subsitir. 


NAZCA




Nunha das zonas máis áridas do planeta, nas pampas de Nazca, na costa de Perú, consérvanse unhas enigmáticas liñas, coñecidas como as liñas de Nazca, descubertas en 1927, e cuxo significado segue suscitando múltiples interpretacións. Os debuxos só poden ser vistos dende o aire, pero, partindo de que os nasca non puideron coñecer o voo, podemos preguntarnos: Como as diseñaron? Para quen as construíron?
Trátase dunha serie de debuxos, a base de liñas rectas, en zigzag e trapezoidais, realizados no chan do deserto, chamados xeoglifos, que ocupan 50 kilómetros de lonxitude e cinco de ancho. Os debuxos teñen diversas formas pero as máis sorprendentes son aquelas que reproducen as formas de animais (colibrí, iguana, araña, mono, pelícano, etc.), plantas e seres antropomorfos. Os autores destes xeoglifos son os membros dunha cultura coñecida como "os nasca" que se desenvolveu na zona entre os anos 100 e 600 a.C. Os nasca trazaron os debuxos a base de surcos excavados no chan. A aridez do lugar e a composición do terreo permitiron a súa conservación ata hoxe.
Cal foi a súa función? Para que os diseñaron? O antropólogo Paul Kosok foi o primeiro en estudialas aló polos anos 30 do século pasado. Chegou á conclusión de que se trataba dun calendario astronómico e que se trazaron para sinalar a saída de certas estrelas que marcaban os períodos de sembra. María Reiche, matemática alemana, estudiou ata os anos noventa os xeoglifos de Nasca. Ela chegara a Perú nos anos 30, escapando dunha Alemaña inmersa no ascenso do nacionalsocialismo, e alí coñeceu a Kosok e, como el, considerou esta gran obra como "un gran calendario agrícola". 
As interpretacións son tan variadas que se chegou a apuntar que se trataría de pistas de aterrizaxe para naves extraterrestres. Na actualidade, a teoría considerada máis aceptada é a do arqueólogo Johan Reinhard quen propón que as liñas, nunha rexión tan árida como Nasca, teñan a función de invocar a auga a través de ritos de fertilidade. As investigacións levadas a cabo nos últimos anos parecen corroborar a súa hipótese posto que tense comprobado que algunhas liñas sinalan canles subterráneas e nalgunhas zonas atopáronse cunchas dun molusco que os nazca veneraban como símbolo relixioso vencellado á fertilidade. 


Pero seguen sen resolverse moitas incógnitas: como se fixeron? A pesar da construción destes importantes deseños, os nasca non se salvaron da seca extrema que os conduciu á súa desaparición. Hoxe en día o que está en perigo é a conservación do seu legado: dos propios xeoglifos.
Recoméndovos un vídeo que nos achega a estes xeoglifos. 

PASQUINO


Pasquino é a máis famosa de todas as "estatuas parlantes" de Roma, situada nun ángulo do Palacio Braschi, a poucos metros da Piazza Navona, ocupa esta posición desde 1501. A estatua é en realidade o que queda dunha das esculturas do século III a.C que decoraban o Estadio de Domiziano (onde hoxe está a Piazza Navona, cuxa forma é a do outrora estadio romano. Ten o rostro dañado e non conserva os brazos nin as pernas. Descoñécese a quen representa, pero posiblemente a un heroe da antiga Grecia: Hércules, un soldado de Alexandre Magno esvaecido no Cidno, a Aiax que transporta o cadáver de Aquiles ou a Menelao co corpo de Patroclo. 
En canto á orixe do seu nome, parece que existe máis unanimidade. Para algúns Paquino era un personaxe do barrio, coñecido coñecido polos seus versos satíricos, quizais un barbeiro, un carpinteiro ou un sastre. A teoría máis popular é a de que Pasquino era un sastre. Morto a sastre, mentres se reparaba o empedrado preto do seu taller, atopouse a estatua mutilada que foi levantada e colocada ante a sastrería de Pasquino. Aínda que unha versión recente di que o nome provén dun docente de gramática latina dunha escola cercana, e que serían os seus alumnos que vendo unha semellanza física, daríanlle nome á estatua. Tampouco se pode desbotar a idea que o nome sexa tomado dun protagonista dunha novella de Bocaccio (Decamerone, IV). 
Co correr dos tempos, a estatua converteuse en soporte de sátiras escritas en dialeto romano. Nacían, así, as pasquinadas que puñan no seu punto de mira ao pontífice, á curia romana, aos costumes, sucesos e personaxes da cidade eterna. Por exemplo, o papa Alexandre VI e a familia Borxia, en xeral: Alexandre vende as chaves, os altares. Cristo: con bon dereito pode vender o que compara antes. De vicio en vicio, da chama ao incendio, Roma perece baixo dominio español. Sexto Tarquinio, Sexto Nerón, Sexto tamén este: sempre baixo os Sextos, Roma foi arruinada. 
Outra das máis célebres á a dirixida ao papa Urbano VIII, da familia dos Barberini, que ordea empregar revestimentos de bronce orixinais do Panteón para ser fundidos e posteriormente utilizados na realización do Baldaquino da basílica de San Pedro (1633): "Aquelo que non fixeron os bárbaros, fixérono os Barberini", sentenciou Pasquino. 
No século XVIII as autoridades decidiron actuar contra as "pasquinadas", e decretaron que os autores das mesmas que foran descobertos sufrirían a "pena da vida, confiscación de bens e perpetua infamia". Durante algúns dos conclaves que elixiron Papas a estatua chegou a estar vixiada por uns centinelas de forma permanente. As veces, a propia estatua burlábase das medidas como cando respondeu a un riguroso edito do papa Sixto V contra as pasquinadas aparecendo cun letreiro que dicía: "Revento por non poder falar"
Houbo célebres pasquinadas como aquela que criticaba a Roma enmascarada de cartón-pedra que recibía a Hitler: Roma de travertino, vestida de cartón, saúda ao seu encalador, o seu próximo patrón. 
Nas súas denuncias, Pasquino non estivo só, había outras estatuas parlantes na cidade. Madama Lucrecia, unha gran estatua feminina, quizais unha representación da deusa Isis, colocada diante da porta da Igrexa de San Marco. O seu nome débese a que foi propiedade de Lucrecia d'Alagno. Outra estatua parlante é Il Facchino (mozo de corda) na vía Lata. 

Babuino, figura que representa a un sileno, pero que debido á súa fealdade o pobo romano bautizouno como il babuino, situado na praza do mesmo nome. 


Ou Marforio, no Capitolio, que foi o principal compañeiro de conversación de Pasquino, unha estatua semixacente que personifica a un río, ou quizais a Xúpiter. Durante o pontificado de Sixto V e contra os novos impostos, charlaban Marforio e Pasquino:

Marforio: Que pos a secar a estas horas, Pasquino? 
Pasquino: Non ves? A miña camisa. 
Marforio: Agarda a mañá pola mañá. 
Pasquino: Non, porque quizais me tocaría pagar o raio de sol. 


ESCRACHES



Miles de palabras do castelán viaxaron cara América, pero outras chegaron, e chegan, a España desde o outro lado do Atlántico. Así, por exemplo, os españoles din "tiza", cando a orixe desta palabra está no náhuatl, lingua precolombina mexicana, na cal á "tiza" (en galego, xiz) chámaselle "tizatl". Pola súa parte, os mexicanos chámanlle á "tiza" "gis", do latín (gypsum). 
De América tamén nos vén un termo moi empregado na actualidade: escrache. Un vocablo que vén a designar un feito novo, que non dispuña doutro específico: as manifestacións ruidosas perante as casas dos políticos ou personaxes de trascendencia pública. O Diccionario da Real Academia Española da Lingua (DRAE) non recolle o sustantivo escrache, pero si o verbo escrachar como un coloquialismo arxentino e uruguayo con dúas acepcións: "romper, destruír, aplastar" e "fotografiar a unha persoa". Esta última acepción está relacionada coa finalidade que teñen os escraches como protestas, pois trátase de "retratar" aos personaxes públicos contra os que se están manifestando. Escrache, no diccionario da Academia das Letras arxentina, aparece definido como: denuncia popular en contra de persoas acusadas de violacións aos dereitos humanos ou de corrupción, que se realiza mediante actos tales como sentadas, cánticos ou pintadas, fronte ao seu domicilio particular ou en lugares públicos. Pero parece ser que estamos falando dunha palabra viaxeira. A súa orixe podería estar no termo inglés scratch (rabuñadura), do xenovés scraccé (fotografía, retrato), do italiano schiacciare (aplastar) ou do francés écraser (aplatar, destruír). Este último vocablo empregábao con frecuencia Voltaire para referirse á loita contra o Antigo Réxime. O lugar no que xermola a palabra é o lunfardo, unha xerga do español orixinada na cidade de Bos Aires (Arxentina) e nos seus arredores, onde o número de emigrantes italianos era moi elevado, polo cal non resultaría estrano que a súa orixe etimolóxica estivese no italiano. En lunfardo, escrachar significaba ficha policial ou retrato moi feo de alguén. 


Sexa como sexa, o escrache popularizouse nos anos noventa como a forma de protesta fronte as vivendas das persoas que foran procesadas por presuntos delitos na ditadura de Videla (quen, por certo, faleceu o venres) e que logo foran postas en liberdade. A agrupación dos Dereitos Humanos HIJOS foi quen adoptou este vocablo. Máis tarde, o escrache, como forma de protesta, extenderase en Arxentina sobre todo a partir do ano 2000, cando os cidadáns toman as rúas para xeneralizar a súa protesta contra os políticos, na época do Corralito arxentino, momento no cal os depósitos dos aforradores foron inmobilizados nos bancos. 
Pero se imos máis aló no tempo, podemos retrotaer a orixe dos escraches a 1971, durante a caza de asesinos nazis ao finalizar a II Guerra Mundial. Sergue e Beate Klarsfeld, el un abogado francés de orixe xudío e ela a filla dun soldado do exército alemán, descubriron o domicilio do oficial das SS Klaus Barbie, o carniceiro de Lyon, en Bolivia, así como os domicilios de alemáns como Kurt Lischka (xefe da Xestapo), Herbert Hagen (xefe das SS)  e Ernst Heinrichsohn (garda dun campo de concentración). Acudiron con cámaras á porta destes domicilios e houbo supervivintes dos campos de concentración protestando encadeándose á fachada desas casas. Conseguiron que estes nazis fosen xulgados e condeados. Por iso, certos políticos deberían aplicar a mesma moderación que piden para os manifestantes á súa linguaxe cando chaman nazis a esas persoas, e tampouco estaría de máis que curasen a súa ignorancia. 

NON BARBIES, GRAZAS.



Jaime Moore, fotógrafa estadounidense, decidiu agasallar a súa filla cunha sesión de fotos polo seu quinto cumpreanos. Previamente, buscou algún titorial para o seu pequeno proxecto, pero o que atopou foi exemplos do estilo "como vestir á súa filla como unha fermosa princesa de Disney". Entón, comezou a pensar en todas as mulleres que Emma, a súa filla, debía coñecer, porque, en certa medida, aínda que ela non as chegase a coñecer mudaron a súa vida. E de aí saíron fotografías como a inspirada en Susan Brownell Anthony, líder feminista do movemento estadounidense dos dereitos civís, que xogou un papel importante na loita polos Dereitos da Muller no século XIX para garantir o dereito ao voto nos Estados Unidos. Ou, Helen Keller, activista política, sorda e cega, o que non foi nunca un impedimento para sentir a vida e non calar as verdades. Esta sesión de fotografías contrasta coas "barbies" dos concursos de beleza tan populares en Estados Unidos, nos cales as nenas son "moldeadas" como pequenos xoguetes dunha cadea de produción. Pero non temos que cruzar o Atlántico para ver os modelos estereotipados que se tentan inculcar ás nosas nenas. Pensemos na publicidade de Nadal ou nos disfraces do Entroido. Animar ás nosas nenas a que sexan mulleres autónomas e cunha personalidade propia é unha labor na cal temos moito por facer. 

venres, 17 de maio de 2013

A ALMA DO MUNDO

O centro cultural Conde Duque abre unha mostra de fotografía titulada A alma do mundo  con fotografías de Miguel Ángel Sánchez sobre o Exipto trala primavera árabe. O que máis me chama a atención son as conexións entre as fotografías e o tenebrismo do pintor barroco italiano Caravaggio ou o valenciano Ribera. 
O fotógrafo, artífice da exposición, seleccionou 80 fotografías para representar aos 80 millóns de habitantes que viven en Exipto e reunidos nun libro El alma del mundo con textos escritos pola periodista Nuria Tesón. Un reflexo do mosaico social de Exipto. En propias palabras do autor: "Quixen falar de realidades que vemos cada día en O Cairo, o núcleo de Exipto por onde pasa todo o mundo: o acoso sexual ás mulleres, a pobreza extrema, a diferenza entre as clases sociais cada vez maior ou ese individualismo que xenera a propia pobreza e produce unha sorte de picaresca española do barroco". 



mércores, 15 de maio de 2013

MESTRAS DA REPÚBLICA


Neste vídeo achégamonos á historia dunha mestra da República, pero tamén aos dereitos acadados polas mulleres durante a época da República. Uns dereitos que foron cortados de raíz coa chegada da "longa noite de pedra" que supuxo o Franquismo.
A FETE-UGT acaba de finalizar un documental sobre a labor das mestras durante a República. O traballo segue aberto pois aparecen novos casos e novas historias que permiten enriquecer os datos que se foron recompilando. A eduación constituíu un dos grandes compromisos sociais da Segunda República. Buscábase levar a cultura e ensinanza aos rincóns máis remotos do país na procura dunha sociedade máis libre e igualitaria. As mestras participaron de forma activa neste proxecto. Mulleres que crían na igualdade  e na coeducación, derrubaron os muros que separaban alumnos e alumnas, pois defendían que a coeducación está na base dunha aprendizaxe de vida en igualdade. Este proxecto quedou interrumpido trala guerra civil. A represión foi especialmente dura coas mestras. Represariadas non só por ser republicanas, senón, fundamentalmente, por representar un modelo de muller, libre e autónoma, contrario ao ideal de muller que buscaba impoñer o réxime: unha muller sumisa e sometida ao home. 
No blogue maestras republicanas podemos coñecer casos concretos con nome e rostro propio. 



domingo, 12 de maio de 2013

LEANDRO LAMAS



Leandro Lamas é un pintor e ilustrador que me encanta. Gústame pola vitalidade das súas obras, cheas de cor, de alegría, rebosantes de amor e sensualidade. Leva desde 1998 adicándose á pintura. O "seu laboratorio de formas" está en Neda, moi preto da miña vila natal, onde ten un mural adicado á festa do pan. É posible que o coñezades polas ilustracións que fixo para o libro O conto do Apalpador, pero non é o único libro para o cal fixo ilustracións, tan coloristas como as súas pinturas e murais. 





LA LIBERTAD ES COMO UNA COMETA. VUELA PORQUE ESTÁ ATADA


O 8 de abril morría José Luis Sampedro. E parece que xa van quedando poucas voces que cunha serenidade e claridade fascinantes alumbraban a luz da verdade sobre a vida, sobre a Humanidade, sobre o noso día a día. Foi escritor e economista, ambas as dúas facetas exercidas desde a vocación humanista e comprometida. Defensor a ultranza da liberdade de pensamento. 

Elixo unha das súas frases para esta entrada: La libertad es como una cometa. Vuela porque está atada. Dicía, o poder quérenos asustados. O poder nos asusta para dominarnos. Sen liberdade de pensamento, a liberdade de expresión, a democracia, non vale nada. Invitábanos a seguir aprendendo sempre, a seguir coñecéndonos. Retomaba a máxima grega "Coñécete a ti mesmo". 
Sampedro era un defensor da vida, dunha vida tamén máis xusta. Entendía a economía desde unha perspectiva humanista. Alonxada dos números que teñen que casar sen ter en conta as vidas que hai detrás. Sampedro era o que o sistema chama antisistema, un insubordinado deste mundo insostible que o mercado creou destruíndo outros mundos posibles. Malia súa avanzada idade, non se cansaba de recordarnos que é necesidade desobedecer, opornos a un modelo inxusto e desigual. Non nos podemos rendir. Como dicía el, temos o deber de vivir e de pensar libremente. Sampedro dicía que queren facernos crer que non hai outro mundo, que non nos queda outra, pero este mundo vai mudar porque está agotado, non se sostén, morre. Temos o deber de tentar que sexa un mundo máis xusto, máis humano, máis vivible. Esa foi a súa derradeira vontade, segundo a súa muller: que non lle choremos, que gastemos esas forzas combatendo. 
"Qué importa mi boca cerrada, ¡cuando piensas con el alma te oyen!".

NATIVOS AMERICANOS NO VATICANO



A Resurrección de Cristo, obra de Pinturicchio (1453-1513), con Alexandre VI axeonllado, coas mans xuntas, domina o salón dos Misterios do Vaticano. Detrás, aparecen un grupo de pequenas figuras que o director do taller de restauración dos Museos Vaticanos, Maurizio De Luca, identifica coa primeira representación de nativos americanos. 
Cristóbal Colón escribía aos Reis Católicos "Achei moitas illas poboadas con xente sen número. (...) Andaban todos nús, homes e mulleres" nunha carta datada o 4 de marzo de 1493, tralo seu regreso de América. A carta foi entregada en Barcelona no mes de abril. As novas do descobremento dunhas terras por conquistar e poboacións ás que evanxelizar chegou pronto a oídos do Papa Alexandre V. Entre maio e setembro do mesmo ano firmou catro bulas polas que se entregaban á Coroa de Castela boa parte do territorio ultramariño. Ao tempo, Pinturicchio estaba a decorar seis salóns do palazo Vaticano. Nuns deses frescos, rematados en 1494, e recén restaurados, asoma un grupo de homes nús, de pel aceitunada. Algúns dos cales parecen bailar. O propio Cristóbal Colón trouxera consigo a seis indios nativos, que acabaron morrendo, os pobres, de frío. 

SON FELIZ


Deixanme un libro para VER e LER: Soy feliz, no me preocupo ... soy yo quien tiene preocupado al mundo. O seu ilustrador Jimmy Liao é un dos meus preferidos. As súas imaxes transpórtanme a un mundo póetico, a unha ensoñación infantil. Pero non son meramente debuxos amables que nos invitan a recordar os tempos nos que fomos nen@s. Os textos que acompañan cada ilustración están cheos de sensibilidade e poesía. As palabras quedan resoando no oído, entran na mente e retintinean. Acomódanse e quedan alí resoando, mentres a mirada vai devorando as ilustracións dunha nova páxina. 

Me preocupa que haya un país maravilloso esperando a que lo descubramos. Pero no conocemos el camino secreto que lleva hasta allí. 

Me preocupa que el paraíso de la infancia se haya perdido para siempre. 

Me preocupan los vendajes que atan a nuestra imaginación de tal modo que los ojos cristalinos no consiguen ver el arco iris en el horizonte. 

Me preocupa que los gritos de indignación oculten mentiras podridas. 

Me preocupa que las sirenas se hayan sumergido hasta el fondo del mar y ya no vuelvan a cantar. 

La niña quería escuchar los secretos del árbol, y éste le dijo: "La ética profesional me impide revelar los secretos de los demás" Todos los árboles son psiquiatras ... 


La joven oye a la piedra hablar de amor, con firmeza, al agua del lago. La joven oye a la hoja de arce declararse, con suavidad, al cielo. Tienen una capacidad excepcional para oír las palabras de amor de los demás, pero no las propias. 


mércores, 1 de maio de 2013

ESCRAVITUDE NO SÉCULO XXI

Unha semana máis tarde do derrumbre do edificio de Dacca (Bangladesh) que albergaba varias fábricas textis que traballaban para firmas de Estados Unidos e Europa, as autoridades dese país presentan as cifras oficiais do siniestro: 1050 vítimas mortais. O desastre volve a poñer de manifesto as malas condicións laborais e de seguridade que sofren os traballadores de talleres textis no país asiático. O derrumbre dun edificio de Bangladesh pode parecer unha historia allea a nós, pero está moito máis cercana do que nos parece. Non sería estrano que calquera das prendas que levamos postas foran realizadas alí. De feito, nesta mesma fábrica traballan para algunha marca española. 
Este tráxico suceso non é un caso illado. Os incendios e derrumbres de edificios, coas súas respectivas mortes, son na súa inmensa maioría evitables. As medidas de seguridade son nulas. As horas de traballo nada teñen que ver coas 8 horas das que falabamos noutra entrada. Incluso, se pode constatar que en moitas instalacións hai nen@s traballando. 
A voracidade do consumismo, e os postulados capitalistas, buscan a produción barata, con materiais económicos, pero, fundamentalmente, con man de obra barata (algúns dos traballadores da fábrica derrumbada non chegaban a cobrar 30 euros mensuais), pero que queda no camiño? Pois, nalgúns casos, a vida de seres humanos.