domingo, 31 de marzo de 2013

A CAÍDA DE CONSTANTINOPLA E A ACADEMIA NEOPLATÓNICA




En 1453, os turcos otomanos conquistaron Constantinopla, a capital do Imperio Bizantino, tras meses de asedio e bombardeos dos cañóns de bronce que o sultán trasladara con gran esforzo para perforar as súas poderosas murallas. Foi inmensa a resonancia da caída deste imperio económico e cultural. Tivo importancia determinante na procura de novas rutas para chegar "as Indias", o que á súa vez, levou aparellado a ampliación do mundo coñecido ata entón polos europeos. Pero nesta entrada quero facer referencia á importancia do exilio dos eruditos que marcharon cara a cidade de Florencia. A familia Médici acolleunos no seu rol de mecenas das artes e da cultura. Necesitaban estudiosos da cultura grega para o seu proxecto de refundar a Academia platónica. Os cartos da familia Médici, forxados nas súas empresas, especialmente o seu banco, sufragou este proxecto. A Academia fundouse na vila Médici de Careggi, preto de Florencia, en 1459. Á fronte da Academia púxose Georgios Gemistos Plethon, que non tardaría en rodearse de figuras da importancia do cardeal Besarión, Pico da Mirandola ou Marsilio Ficino (imaxe inferior, obra de Leonardo da Vinci). Baixo o mecenazgo de Cosme de Medici (imaxe superior), e continuado co de Lorenzo o Magnífico, a Academia floreceu e converteuse en centro espiritual do Renacemento florentino a finais do Quattrocento. Buscaba inspiración nos ideais das civilizacións grega e romana, especialmente a partir de fontes literarias e filos´foicas. O neoplatonismo volveu a centrar o interese dos europeos e deulle tono á vida estética e literaria de Florencia, de Italia e de Europa; imposible entender a pintores como Botticelli sen esta Academia. O grupo disolveuse trala morte de Lorenzo o Magnífico, falecido precisamente en Careggi en 1492. Dous anos máis tarde morrían en Florencia Poliziano e Pico della Mirandola, en circunstancias misteriosos. Os seus corpos foron exhumados, e coas actuais técnicas os científicos puideron determinar que ambos foran envenenados con arsénico, probablemente por orde do sucesor de Lorenzo de Médici. A familia Médici sempre estivo rodeada de conspiracións e ansias de poder, dentro e fóra do seo familiar, alianzas e desavenencias, que nalgúns casos levaron aos seus protagonistas cos pés por diante. 



sábado, 30 de marzo de 2013

FRACKING

Que é o "fracking"? É unha técnica para extraer gas natural de xacementos non convencionais. Trátase de explotar o gas acumulado nos poros e fisuras de certas rochas sedimentarias estratificadas de gran fino, xeralmente arcillosas ou margosas, cuxa pouca permeabilidade impide a migración do metano a grandes bolsas de hidrocarburos. Para iso é necesario realizar centos de pozos ocupando amplas áreas e inxectar millóns de litros de auga cargados dunha mezcla química e tóxica para extraelo para que a rocha se fracture e se libere o gas. O problema son esas sustancias químicas que as empresas non están obrigadas a declarar e que poden contaminar os acuíferos próximos. O fracking é unha técnica moi extendida en Estados Unidos, pero estase a implantar tamén en España. No caso de Galicia aprobouse o pasado mes de febreiro unha moratoria ata "descartar" que sexa peligroso. 

Os principais problemas que conleva esta práctica implica unha serie de impactos ambientais: contaminación de augas subterráneas, contaminación atmosférica, emisión de gases de efecto invernadoiro (metano), terremotos (sismicidade inducida), contaminación acústica e impactos paisaxísticos. Ao que temos que engadir o consumo de auga e a ocupación, e destrución, do territorio. 

TURCIOS ANIMAL




Omar Figueroa Turcios é un caricaturista e humorista gráfico, nado en Colombia en 1968, e, residente na actualidade en Alcalá de Henares (Madrid). Dentro da súa produción gráfica destacan aquelas obras adicadas ao mundo animal, pero tamén moitas outras nas que a especie humana é o "animal" caricaturizado. Como por exemplo as caricaturas de Angela Merkel, Barack Obama, Jacques Cousteau ou o Papa Benedicto XVI. 




Destacan na súa produción numerosos premios e mencións, pero nada mellor que achegarnos á súa obra a través dun vídeo do canal que ten en youtube. 

AS WELLIES


Cando éramos pequen@s era habitual chamar katiuskas ás botas de auga. Esas botas de goma, de caña alta, para días chuviosos. Un nome, katiuska, que soa a ruso non porque as botas viñeran de Rusia, senón porque as levaba a protagonista da zarzuela, Katiuska, de Solorzábal. Pero estas botas son coñecidas tamén co nome de "wellies" ou Wellington boots, dado que a súa orixe está relacionada co Duque de Wellington. Polo tanto, ademais de ter un papel destacado na batalla de Waterloo fronte as tropas napoleónicas, o aristórcrata inglés foi tamén creador de moda. No século XIX, o Duque Wellington encargou ao seu zapateiro da rúa St. James, en Londres, para que lle modificase o diseño das súas botas, inspirándose na cabalería alemana. A partir dese momento, comezaron a gañar adeptos entre as familias terratenentes. Optouse pola cor verde, inicialmente, porque era unha cor facilmente camuflable nas cazerías. 

A BATALLA DE SAN ROMANO




A Batalla de San Romano é un tríptico do pintor renacentista Paolo Ucello. Foi realizado entre 1456 e 1460, e cada panel mostra unha etapa das vividas na batalla en que se enfrontaron os exércitos de Florencia cos de Siena e Milán, o 1 de xuño de 1432, preto do pequeno pobo de San Romano. 
Lionardo Bartolini Salimbeni, membro dunha destacada familia de comerciantes afincada en Florencia, foi quen encargou a pintura aínda que tamén estivo en mans de Lorenzo de Médici no seu palacio florentino Médici-Ricardi. 
Hoxe en día esta pintura se atopa separada, cada unha en tres diferentes museos de Europa: no museo do Louvre, no National Gallery de Londres e na Galería dos Uffizi en Florencia. 

Neste vídeo podemos achegarnos "á vida secreta" da pintura de Paolo Ucello, pero tamén ao contexto político do mosaico de repúblicas e cidades-estado da Italia do século XV. 



venres, 29 de marzo de 2013

OS IMPRESIONISTAS TOMAN MADRID



Dúas exposicións simultáneas na Fundación Mapfre e o Museo do Thyssen achegan a Madrid o Impresionismo, as súas vivas cores e a súa visión "fugaz" da natureza. 
O impresionismo é un movemento artístico do que hoxe contemplamos as súas obras sen que nos cause desacougo, ou cando menos nos escandalice, pero aquela exposición de 1874 no estudo de fotografía de Nadar deu que falar. Supuxo un gran escándalo e de feito, o nome co que coñecemos ao movemento, Impresionismo, prodece da crítica despectiva do xornalista Louis Leroy que fai da exposición, nun artigo publicado en Le Charivari, na cal fai mención ao cadro de Monet, Impresión, sol nacente.  Pero, que antecedentes e influencias tiveron? Pois, nese sentido, as exposicións dos museos madrileños fannos partícipes de parte dos seus antecesores. A Escola de Barbizon, Courbet, Manet, e os paisaxistas ingleses como Turner e Constable. Temos que engadir a influencia da fotografía e da estampa xaponesa. 
E, resultou o Impresionismo tan "rompedor" coa arte do seu tempo? Máis ca un movemento revolucionario, podemos consideralo o epílogo dunha concepción artística iniciada no Renacemento, é dicir, os impresionistas puxeron fin ao cadro entendido como mímese da natureza e sometido a unhas regras de perspectiva ata entón non cuestionadas. A pintura dos impresionistas emancípase das ataduras formais e ideolóxicas establecidas polas Academias. Para os impresionistas as cores non son inmutables, dependen da luz, das propias cores que se coloquen ao lado, e da percepción individual. O tempo, o paso do tempo, entraba tamén no cadro. A paisaxe, a cidade, os baixos fondos, o meramente anecdótico, poden ser un perfecto tema para os impresionistas. Os impresionistas pechaban unha porta e abrían múltiples fiestras: as vangardas. E neste sentido, podemos destacar que os propios postimpresionistas dan pé a vangardas tan importantes como o cubismo (Cézanne), ao expresionismo (Van Gogh) e ao simbolismo e o fauvismo (Gauguin).