mércores, 18 de setembro de 2013

GOOGLE EARTH


Google Earth é unha ferramenta que nos permite coñecer mellor o noso territorio próximo, e non tan cercano. Desde a vila de Sada e o propio Ies Isaac Díaz Pardo, ata os cultivos baixo invernadoiro no Exido (Almería) ou Dubai, situado no Golfo Pérsico, onde podemos observar as construcións de illas artificiais con forma de palmeira. 



G

DÚAS HORAS DA HISTORIA DA TERRA




martes, 4 de xuño de 2013

MUROS


Clica sobre o mapa para velo en grande. Aparecen os principais muros segregadores do mundo. 


En tempos da globalización e tras máis de 20 anos da caída do muro de Berlín, a humanidade aínda conta con muros que separan. Algúns muros deste século XXI son vestixios da Guerra Fría, outros responden a nacionalismos e outros a rivalidades étnicas: o Paralelo 38, o Muro de Israel, o de Ceuta, entre outros. As fronteiras comerciais ábrense cada día máis e os medios de transporte e comunicación fan posible a intreacción entre habitantes de rexións do mundo que nunca antes na historia conviviran, pero un crecente número de país optan por levantar barreiras físicas para separarse doutros Estados ou illar unha rexión. 

En Marrocos, o chamado "muro da vergoña" foi construído con pedras e bolsas de area para evitar a entrada de independentistas do Sahara occidental; España construíu muros en Ceuta e Melilla para separar estes enclaves coloniais da poboación africana; o muro entre Israel e Palestina, iniciado en 2002 por Israel en Cisjordania co "obxecto" de librar os seus cidadáns dos ataques terroristas palestinos. O Tribunal Internacional de A Haia declarou no 2004 este muro iliegal e ordeou que fora derribado, pero esta medida foi ignorada polos dirixentes de Israel. Botswana ten barreiras electrifiadas na súa fronteira con Zimbabwe. Oficialmente existe para impedir a entrada de animais domésticos contaminados ... na realidadeun muro anti-inmigración. Os 240 kilómetros do Paralelo 38 que dividen a península coreana son o derradeiro vestixio da Guerra Fría. Os case dous millóns de soldados que a patrulla convértena na fronteira máis armada do mundo. A comezos da década de 1990, a India comezou a construción dun muro de 550 kilómetros que a separa de Cachemira, coa intención de protexer a nación de ataques milicianos paquistaníes. Outro dos muros máis controvertidos é o que separa Estados Unidos de México, un muro de 3000 kilómetros para conter os inmigrantes ilegais. E é que para moitos, o país que máis influíu na caída do muro de Berlín, converteuse, paradóxicamente, nun defensor da necesidade de construír muros que separen. 

Un audio sobre o tema: 


E un par de cancións de Jorge Drexler:


FRONTERA.



DISNEYLANDIA. 

FEMINICIDIO




No mes de maio faleceron en España dez mulleres a mans de homes, sete delas no marco da violencia machista. Por feminicidios entendemos o asasinato de mulleres polo feito de ser mulleres ou nenas. 

Existen en todo o mundo, se ben países como Guatemala ou México (a tristemente coñecida Ciudad Juárez) rexistran cifras moi elevadas. Na entrada anterior tamén menciónabamos a ablación ou as nenas soldado (non só se empregan nenos), especialmente en África. Ou o maltrato e asasinatos de nenas e mulleres en países baixo o control dos ultraconservadores islámicos polo simple feito de querer ir a escola, de non aceptar a un home como esposo. Tamén poderiamos falar dos "crimes de honra", é dicir, a familia mata a muller ao considerar que a honra da súa familia foi manchada polo que debían pagar coa súa vida pola afrenta, ben sexa por adulterio, homosexualidade, ou ser vítimas dunha violación. A muller tamén é obxecto de cambio no caso dunha afrenta a outra familia, de tal forma que o problema, resólvese coa "entrega" dunha muller á familia que sufriu a afrenta. Nacións Unidas estima que máis de 20.000 mulleres morren ao ano vítimas das súas propias familias. Asemade, poderiamos falar do feticidio ou infanticidio femenino, é dicir, o aborto selectivo por ser unha nena o bebé que se espera ou ao nacer. Unha práctica vixente na India e outros países do sueste asiático. A submisión das mulleres e nenas nestes países ao pai ou ao home é a regra. 

Un enlace cos países onde nacer muller é unha desgraza. 

La noche temática achégase a través dun documental La maldición de ser niña á traxedia de milleiros de nenas, discriminadas polo feito de ter nacido muller. 

 

E moi recomendable, tamén, o audio seguinte: 



QUERO IR Á ESCOLA



Buda explotou de vergoña (2007) é un filme realizado en Irán por unha novísima directora, Hana Makhamalbaf, e conta a perseverancia da pequena Bakhtay por ir á escola e aprender a ler, ao igual que o fai o seu veciño Abbas (un neno da súa mesma idade). Para narrarnos a odisea desta pequena afgana cara o seu intento de ir á escola, a directora emrpega recursos que fan do filme case un documental. A película está ambientada en Afganistán onde o feito de ser nena e querer ir á escola pódeche custar a vida

A película, a través da delicada ollada, chea de curiosidade, de Bakhtay, esconde a denuncia da situación social en Afganistán. As mulleres, nenas e adultas, son as principais vítimas dunha sociedade que busca controlalas e reprimilas nun contexto no que os nenos reproducen as mesmas actitudes violentas e machistas dos adultos. Unha das esceas máis tristes é o momento no que Bakhtay é secuestrada por uns nenos polo feito de levar un pintalabios, e o seu posterior intento de lapidación, ou cando outro grupo de nenos que dispara contra ela como fixeron os americanos nas covas. Unha metáfora da violencia no mundo adulto. O filme foi galardonado, entre outros premios, co Premio Especial da Paz e do Oso de Cristal no Festival de Berlín en 2008. 







O ESCEARIO: AFGANISTÁN. 
A película, como diciamos, está ambientada en Afganistán. Un país na encrucillada entre Irán, Asia Central, China e India. O primeiro estado afgano formouse en 1747, a partir dunha confederación tribal pastún. Logo, na práctica despareceu debido ás loitas tribais. A mediados do século XIX a tensión entre Rusia e Gran Bretaña determinou a reaparición de Afganistán como Estado-tapón que separaba ambos os dous imperios. 


Afganistán é un país de vales impenetrables e altas montañas, onde esta orografía explica a fragmentación étnica entre pobos e tribus duns 33 millóns de habitantes, predominando os de étnia pastún. O 99% da poboación é de relixión musulmana, a maioría suní. Os pastunes atribúense a posesión de Afganistán en exclusividade fronte a outras etnias. A película está ambientada na rexión de Hazarajat, onde predomina a poboación hazara, descendentes da xuntanza de mil (significado de Hazara) guerreiros mongois coa poboación local a partir do século XIII. Tamén é o lugar dos desaparecidos Budas de Bamiyán aos que fai alusión o título do filme. A poboación Hazara foi moi perseguida polos talibáns. A situación da poboación hazara ten mellorado despois do derrocamento dos talibáns en 2001. As súas xentes poden acudir ás universidades e dispór de traballos aos que antes non podían acceder. As súas terras apenas teñen campos de amapoulas destinados á droga (opio). Hazara foi a primeira muller gobernadora, Habida Sarobi, antes ministra para Asuntos das Mulleres, a partir de 2005 á fronte da provincia de Bamiyán. 

OS BUDAS QUE EXPLOTARON:
Entre finais do século IV e o século VI edificáronse no val de Bamiyán, dúas figuras de Buda, unha duns 38 metros de altura e a outra de 55 metros. Estes dous monumentos estaban esculpidos directamente na rocha dun acantilado de arenisca na montaña e encaixados en nichos. Formaban parte dun complexo monástico de monxes budistas. Detrás dos Budas, atopáronse nas grutas pinturas que representarían esceas do budismo, debuxadas por monxes ou viaxeiros da ruta da seda. Declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco foron destruídos no 2001 por orde do mulá Omar, líder do réxime talibán. o 18 de marzo estalaban en anacos. 


OS TALIBÁNS QUE AÍNDA ESTÁN:
Este movemento político-relixioso ultraconservador, xurdido en 1994, nos campamentos da poboación afgana refuxiada no norte de Pakistán, controlou á poboación afgana desde 1996 (cando vencen a outras tendencias do islam afgano) ata 2001, momento no cal unha alianza de países, dirixidos por Estados Unidos, invaden e comezan unha guerra en Afganistán. Porén, seguen a ter un peso moi forte en diferentes rexións afganas e están en loita constante por facerse co control do país fronte ao goberno actual. Teóricamente, o obxectivo estadounidense era liquidar as bases talibáns e de Al Qaeda, formar ao Exército e á policía e proceder a labores humanitarias. Agora ben, a día de hoxe o poder dos talibáns estase fortalecendo de novo. A poboación quéixase de que maioría das persoas mortas son civís (sen ter en conta as xa provocadas durante o conflito) e de que as autoridades militares non dan prioridade aos plans de reconstrución nin as melloras sociais. Afganistán é a proba do fracaso bélico e político. Sen melloras nas condicións de vida; nin líderes políticos fiables, nin expectativas dunha democratización real; cunha espiral de violencia cada vez maior, cabe preguntarnos, como sempre, para que serviu a guerra? 

Os tailbáns negan o acceso a muller á educación, ao traballo e á política. O analfabetismo é xeneral entre elas: un 87%. Déronse avances respecto á epoca talibán: un terzo das persoas escolarizadas son nenas, aínda que en escolas separadas dos nenos. Porén, máis de 300 centros pecharon debido aos ataques de extremistas, especialmente no este e sur do país. 

O DEREITO Á EDUCACIÓN:
A educación das nenas é un dos Dereitos fundamentais. Todos os nenos e nenas teñen dereito a recibir unha educación, xa que lles proporciona o coñecemento e aptitudes que necesitan para acadar o seu potencia e protexerse contra o perigo, as inxustizas e os abusos. A educación é esencial para o desenvolvemento dun país. Non obstante, ás nenas exclúeseas con moita frecuencia deste proceso. Nos Obxectivos do Milenio, a ensinanza primaria para as nenas establécese tamén como un obxectivo básico: Meta 3. Velar porque, para o ano 2015, os nenos e nenas de todo o mundo poidan un ciclo completo da ensinanza primaria. No caso das nenas, especialmente nalgúns países, aínda existen barreiras de xénero moi difíciles de solventar. 

UNICEF aporta datos moi significativos. Non temos a posiblidade de dimuír sustancialmente a pobreza, a mortalidade infantil, a SIDA e outras enfermidades, se non aseguramos que todas as nenas e nenos dispoñan do seu dereito a unha educación básica. Cando unha nena carece dos coñecementos e a destreza para enfrentarse a vida hai efectos a inmediato e longo prazo. Esa nena exponse a moitos máis riscos que outras nenas cunha formación educativa e as consecuencias pasan á xeración posterior. En definitiva, cando un neno recibe unha educación de calidade, o resultado é, a miúdo, a dun adulto con formación. Cando unha nena recibe una educación de calidade, o resultado é case sempre o de toda unha familia con educación e formación. Por iso, moitos estudos insisten en que non existe un instrumento máis efecto para o desenvolvemento dun país que a educación das nenas. 

O día 11 de outubro foi declarado Día Internacional da Nena. Fai uns anos, nunha carretera de Nepal, un coche no que viaxaba persoal do PLAN (ONG de protección da infancia) e varios periodistas que visitaban proxectos no país, detívose ante unha nena duns cinco anos que camiñaba soa. Preguntáronlle como era que non estaba na escola. A pequena respondeulles que Porque era unha nena. Esa frase resumía unha realidade: 62 millóns de nenas non van á escola porque, entre outros motivos, prímase a educación dos irmáns varóns. A frase desta nena desencadeou unha campaña internacional que hoxe se desenvolve en 50 países: POR SER NENAS, e que trata de pór fin á discrimación de xénero que sofren millóns de nenas no mundo. Así, 2 millóns de nenas sofren a ablación xenital cada ano; cada día máis de 25.000 nenas son casadas antes da maioría de idade, moitas con homes que lles dobran a idade; o 90% das menores que traballan no servizo doméstico son nenas de entre 12 e 17 anos; cada ano tráficase cun número de nenas dez veces superior ao número de escravos africanos que cruzaron o atlántico na época de maior apoxeo da esclavitude; cada día nenas de todo o mundo sofren como as vítimas máis débiles abusos sexuais. 

OS DEREITOS DAS MULLERES EN AFGANISTÁN:
En Afganistán, os homes deciden polas mulleres, cuxos dereitos non importan. Os códigos tribais sinalan que a mulleres é propiedade do home. Segregadas e ocultas debaixo do burka, as mullers tamén son vítimas na vida cotiá. Sofren violencia de xénero nos espazos públicos e nas súas familias. O sistema xudicial reforza a impunidade dos autores das violacións contra os dereitos das mulleres. Afganistán, tristemente, é un dos primeiros países en ocupar o ránking de perigosidade para unha muller. 

Os matrimonios considéranse asuntos de familia: un 60% realízanse pola forza e o 57% prodúcense antes dos 16 anos. A costume ditamina que entregar unha filla (baad) á familia do posible inimigo serve para resolver os conflitos, a cambio dunha compensación económica. Oito de cada dez mulleres afganas padecen violencia nas súas casas. Os autores quedan sen castigo porque a violencia sexual no matrimonio non é considerada delito. Os problemas psicolóxicos están á orde do día: case o 30% das mulleres entre 15 e 35 anos mencionan que sofren detresións. Algúns datos reflexan efectos máis terribles: preto de 500 suicídanse queimándonse vivas cada ano. 

O goberno de Karzai (goberno no poder) con xefes tribais e relixiosos -incluídos algúns talibáns- para gañar votos favorecen a sociedade patriarcal. A Lei do Estatuto Persoal Chií permite que a poboación desta tendencia relixiosa teña normas propias en materia de dereito familiar. Neste caso, legaliza o tamkeen, a obriga de satisfacer os desexos sexuais dos maridos. Asemade, restrinxe a liberdade de movemento das mulleres sen permiso dos seus familiares masculinos. As esposas tampouco poden herdar as casas e terras do seu home. A autoridade legal queda en mans dos clérigos chiíes nas relacións entre homes e mulleres

PAÍSES EN GUERRA:
As guerras son unha das principais ameazas para a supervivencia de nenos e nenas. Dos 10 países que posúen maior taxa de mortalidade de menores de 5 anos, sete padecen un conflito armado. Segundo datos de UNICEF, o 90% do total de mortes relacionadas con conflitos armados desde 1990 foron civís e o 80% corresponde a mulleres, nenos e nenas. O uso de armas explosivas é unha das principais causas de mortalidade infantil neste países. O risco de nenos e nenas fronte aos efectos das minas antipersonais diminuíu como resultado do Tratado de Otawa ou a Convención sobre a prohibición de minas antipersoais de 1997 e a acción das organizacións que loitan en contra da súa utilización. Non obstante, cada ano as minas terrestres matan ou mutilan a entre 8.000 e 10.000 menores de idade. A morte de nenos e nenas supón o 50% dos falacementos en terros afganas por munición sen explotar. 

Ademais, os conflitos armados reducen considerablemente o acceso aos servicios de sanidade e educación. A gran posiblidade de armas lixeiras e de peneno tamaño favoreceu o emprego de nenos e nenas soldado e, ao mesmo tempo, ten elevado o grado de violencia despois de rematado o conflito. 

MULLERES CORAXE:
A protagonista da película é perseguida, como tantas outras mulleres en Afganistán, pero o seu coraxe para lograr autonomía e formarse é un exemplo para todas as mulleres. Bakhtay actúa de símbolo do esforzo de moitas afganas por construírse como persoas e non quedar agochadas tras o burka, a vontade de saír do analfabetismo e ter un papel activo na sociedade. Algunas son mulleres anónimas, doutras coñecemos os seus nomes: Khatool Mohammadzai (xeneral do exército afgano); Rubina Jalali (ex atleta olímpica); Malalai Joya (formou parte do Parlamento Afgano), iso si, a costa de sufrir ameazas, persecucións e intentos de asasinato. Podemos recordar o caso de Anisa, unha rapaza que foi asasinada na provincia de Kapisa en decembro de 2012 cando se dirixía á súa casa tras saír da escola. Ou o grupo de nenas que foron rociadas con ácido o 12 de novembro de 2008 por un grupo de talibáns cando saían da escola. 


Neste enlace podedes consultar máis información e achegarvos á labor que fan diferentes organizacións de mulleres afganas que loitan polos seus dereitos e por unha igualdade e convivencia pacífica entre homes e mulleres.


martes, 28 de maio de 2013

SALVEMOS GALICIA


Non é unha esaxeración. E deberiamos parar a reflexionar sobre este atentado contra o noso patrimonio. Galicia protagonizou na historia recente, que todos e todas temos en mente, os titulares de xornais e noticiarios de todo o mundo e, non precisamente, pola conservación do medio e da nosa contorna, senón pola súa destrución, pola destrución do noso patrimonio humano e natural. Intentan, e o peor é que o conseguen, seducir á poboación con promesas de traballo e prosperidade económica. Pero parémonos a pensar, a que prezo? Xa non é só a destrución dos nosos bosques, das nosas costas, senón, os problemas se saúde que leva aparellado un megaproxecto mineiro como este. Estamos dispostos a iso? Que futuro é o que queremos? Destruír o noso país para o enriquecemento duns cantos (os donos das empresas mineiras)? Se nós non o facemos, quen o fará? 

1001 PESTANEXOS

Fai uns días un blogue amigo, Outubristas, publicou unha entrada que me pareceu unha delicia visual. En palabras do autor deste proxecto, o catalán Marc Galceran, é unha historia do cine explicada sen utilizar palabras. 1001 Blinks (1001 Pestanexos) que en pouco máis dunha hora lévanos a través dunha viaxe cinematográfica que comeza con Viaxe á lúa (1902), de Mèliés, pasando por Cidadán Kane, O Padriño, A Guerra das Galaxias, e finaliza coa invención de Hugo (2011), de Martin Scorsese. Hai tamén sitio para o cine español con obras como Benvido, Míster Marshall ou Pa negre. Todo iso a ritmo de músicas compostas orixinalmente para largometraxes como Superman, Cinema Paradiso ou Robocop, entre moitos outros. Sobresaínte tamén para o mexicano Álex Figueroa, autor dos títulos de crédito, un tributo tamén á séptima arte. Pasen e desfruten.

martes, 21 de maio de 2013

SALGUEIROS CON VIDA



Quietude en movemento é unha escultura da artista polaca Olga Ziemskaque. En certa medida, é arte povera, é dicir, realizada con materiais pobres, neste caso, procedentes da natureza, pois está realizada con pólas e ramaxe de salgueiro, apiladas de tal forma que confiren unha forma humana. Sorprende a sensación de dinamismo creada.

TORNADO ALLEY

Tornado Alley é literalmente en galego corredor dos tornados, un termo empregado nos Estados Unidos para designar a un amplo territorio do país onde se dan as mellores condicións para a formación de tornados. Correspóndese coa área das Grandes Chairas Norteamericanas, unha zona chá onde se encontran as masas de aire frío procedentes de Canadá e as masas de aire cálido tropical do Golfo de México. Cando estas dúas masas de aire, de características diferentes, se atopan, fórmanse os tornados. Esta zona estaría comprendida entre as Montañas Rochosas e os Montes Apalaches. 


O estado de Oklahoma, no corazón dos Estados Unidos, é no que máis tornados se rexistra por kilómetro cadrado ao ano. Precisamente abril e maio son os meses máis propensos para a formación de tornados. A diferencia dos furacáns, cuxa formación ten lugar no océano e pódese ir observando a súa evolución, é moi difícil predicir un tornado. Ademais, os tornados seguen un rumbo bastante errático, polo que non se pode tampouco predicir con precisión o rumbo exacto que tomarán os tornados. No seguinte vídeo explícanos, de forma moi clara, a formación dun tornado. 

ESCULTURA EN MOVEMENTO

ESCALEIRAS


Cantas escaleiras subimos e baixamos na nosa vida? É un elemento no que quizais non deparamos todo o suficiente, pero a verdade é que existen escaleiras de gran valor arquitectónico e artístico. Tomamos do canal de youtube de Encarna Pérez esta fermosa presentación sobre escaleiras. Subamos e baixemos, mentres desfrutamos. 

domingo, 19 de maio de 2013

KLEE


Paul Klee: mestre da Bauhaus é a segunda exposición que a Fundación Juan March adica ao artista suizo. É unha mostra que se centra no proceso creativo e na faceta pedagóxica de Klee, dado que Klee foi mestre da cor e das formas na Bauhaus. 
A Bauhaus foi unha escola de artesanía, diseño, arte e arquitectura fundada en 1919 polo arquitecto Walter Gropius en Weimar (Alemaña). Posteriormente, a sede trasladaríase a Dessau, tamén en Alemaña. Coa chegada dos nazis ao poder pecharon ese centro. Na súa derradeira fase tivo como director ao arquitecto Ludwig Mies van der Rohe. A Bauhaus pretendeu mudar a forma da ensinanza artística como base para a transformación da sociedade do momento. A eles debémoslles as bases do que hoxe se coñece como deseño industrial e gráfico. 
A exposición está artellada arredor de cinco eixes sobre os cales xiraba o seu universo teórico e práctico: a cor, o ritmo, a natureza, a construción e o movemento. Expóñense 137 obras (pinturas, acuarelas e debuxos), realizadas entre 1899 e 1940. Ademais, exhíbense casi un centenar de "notas de clase" e complétase con fotografías da época, postais, axendas, herbarios que facía Klee na súa xuventude, libros da súa biblioteca (Goethe, Leonardo ...). 
A fundación Juan March inclúe ademais un ciclo de 5 concertos coa finalidade de dar a coñecer o mundo íntimo de Klee. E é que o pintor quixo converterse en violista profesional ata que decidiu decantarse pola pintura. Aínda así, a súa vocación musical sempre o acompañou ao longo de toda a súa vida. 
Paul Klee nacera en Suiza nunha localidade próxima a Berna pero desenvolvería a súa actividade tanto artística como profesional en Alemaña. Como cidadán alemán (o seu pai érao) tivo que incorporarse ao exército alemán durante a Primeira Guerra Mundial. Pese a ter nacido en Suiza e desexar renunciar á nacionalidade alemá morreu sen a nacionalidade suiza. En 1911 tivo contacto con outros artistas, Vasili Kandinsky e Franz Marc con quenes formou un grupo vencellado ao movemento expresionista. Walter Gropius púxose en contacto con el en 1920 para que dera clases na Bauhaus e alí impartiu clases de "Teoría da forma pictórica" entre 1921 e 1931. Fuxiu de Alemaña a causa do nazismo, onde foi declarado polo réxime nazi "artista dexenerado". Suiza saldou a súa débeda cun museo en Berna adicado a Klee. 




TOSCANA



A Toscana é unha terra que enamora. E senón, xuzgade vós mesmos. O blogue Turismo Toscana invítanos a coñecer esta marabillosa rexión italiana, chea de arte, tradición e paisaxes inesquecibles. E deste blogue tomamos unhas fotografías para facer voar a mente e abstraernos, aínda que só sexa por uns minutos. 








sábado, 18 de maio de 2013

NIN MORTO, NIN VIVO, DESAPARECIDO


"Un ser despreciable deixa este mundo", dixo a presidenta das Avoas da Praza de Maio, Estela de Carlotto, ao saber da morte de Jorge Rafael Videla, que morreu o venres aos 87 anos. 

Ideológo da represión de Arxentina entre 1976 e 1983, Videla morreu no cárcere por causas naturais. Baixo o seu réxime morreron ou desapareceron unhas 30.000 persoas. Videla, quen chegou ao poder nun golpe de Estado en 1976, foi condeado a cadea perpetua pola desaparición de 31 detidos e a outros 50 anos en 2012 polo roubo de nenos nados de prisioneiras en centros de detención clandestinos. 

Videla nunca mostrou arrepentimento polos crimes de Estado dos que se lle acusaba e polos que foi condeado. É tristemente célebre a súa frase na que evita dar explicacións sobre os mortos durante o terror de Estado "Os desaparecidos son iso, desaparecidos; non están vivos nin mortos; están desaparecidos", dicía ante a televisión arxentina en 1985. 



PIRÁMIDE DO SÉCULO XXI


Nesta ilustración, contida no libro Memorias de la Tierra, Miguel Brieva plantexa un mundo divido en 4 clases sociais ou castas. Imos achegarnos á reflexión que fai Miguel Brieva sobre a nosa sociedade actual: 

1.- GRANDES DEPREDADORES
0,03% do total – 2 millóns de individuos. 
Correspóndese coa elite mundial. Son os propietarios das grandes empresas, xestores das institucións internacionais e os dirixentes dos grandes partidos políticos. Mandan sobre os medios de comunicación. Buscan manter o seu estatus hexemónico e para iso están dispostos a exprimir o planeta e ao resto da humanidade.  

2.- CARNÍVOROS INFERIORES
20% do total – 1.300 millóns de individuos..
É a clase media alta dos países desenvolvidos e a alta dos países subdesenvolvidos ou en vías de desenvolvemento. Sendo só o 20% da poboación mundial, consume sen freno o 76 % das riquezas, é, polo tanto responsable desa mesma porcentaxe da destrución do planeta.  

3.- HERBÍVOROS CURRELANTES
30% do total – 2.100 millóns de individuos. 
É a clase media-baixa ou baixa e, a miúdo, supera só raspando a denominada "soleira da pobreza". Atópase anestesiada polo agotamento e a propaganda. 

4.- PRODUTORES e SUPERVIVINTES
50% do total – 3.500 millóns de individuos. 
Suma a metade da humanidade, aínda que consume menos do 5% dons bens. É a gran masa desposuída e sobreexplotada sobre a cal se asenta todo. Habita en favelas, estercoleiros urbanos e nos campos máis pobres. Con menos de 2,50$ de ingresos diarios, a súa principal ocupación é subsitir. 


NAZCA




Nunha das zonas máis áridas do planeta, nas pampas de Nazca, na costa de Perú, consérvanse unhas enigmáticas liñas, coñecidas como as liñas de Nazca, descubertas en 1927, e cuxo significado segue suscitando múltiples interpretacións. Os debuxos só poden ser vistos dende o aire, pero, partindo de que os nasca non puideron coñecer o voo, podemos preguntarnos: Como as diseñaron? Para quen as construíron?
Trátase dunha serie de debuxos, a base de liñas rectas, en zigzag e trapezoidais, realizados no chan do deserto, chamados xeoglifos, que ocupan 50 kilómetros de lonxitude e cinco de ancho. Os debuxos teñen diversas formas pero as máis sorprendentes son aquelas que reproducen as formas de animais (colibrí, iguana, araña, mono, pelícano, etc.), plantas e seres antropomorfos. Os autores destes xeoglifos son os membros dunha cultura coñecida como "os nasca" que se desenvolveu na zona entre os anos 100 e 600 a.C. Os nasca trazaron os debuxos a base de surcos excavados no chan. A aridez do lugar e a composición do terreo permitiron a súa conservación ata hoxe.
Cal foi a súa función? Para que os diseñaron? O antropólogo Paul Kosok foi o primeiro en estudialas aló polos anos 30 do século pasado. Chegou á conclusión de que se trataba dun calendario astronómico e que se trazaron para sinalar a saída de certas estrelas que marcaban os períodos de sembra. María Reiche, matemática alemana, estudiou ata os anos noventa os xeoglifos de Nasca. Ela chegara a Perú nos anos 30, escapando dunha Alemaña inmersa no ascenso do nacionalsocialismo, e alí coñeceu a Kosok e, como el, considerou esta gran obra como "un gran calendario agrícola". 
As interpretacións son tan variadas que se chegou a apuntar que se trataría de pistas de aterrizaxe para naves extraterrestres. Na actualidade, a teoría considerada máis aceptada é a do arqueólogo Johan Reinhard quen propón que as liñas, nunha rexión tan árida como Nasca, teñan a función de invocar a auga a través de ritos de fertilidade. As investigacións levadas a cabo nos últimos anos parecen corroborar a súa hipótese posto que tense comprobado que algunhas liñas sinalan canles subterráneas e nalgunhas zonas atopáronse cunchas dun molusco que os nazca veneraban como símbolo relixioso vencellado á fertilidade. 


Pero seguen sen resolverse moitas incógnitas: como se fixeron? A pesar da construción destes importantes deseños, os nasca non se salvaron da seca extrema que os conduciu á súa desaparición. Hoxe en día o que está en perigo é a conservación do seu legado: dos propios xeoglifos.
Recoméndovos un vídeo que nos achega a estes xeoglifos. 

PASQUINO


Pasquino é a máis famosa de todas as "estatuas parlantes" de Roma, situada nun ángulo do Palacio Braschi, a poucos metros da Piazza Navona, ocupa esta posición desde 1501. A estatua é en realidade o que queda dunha das esculturas do século III a.C que decoraban o Estadio de Domiziano (onde hoxe está a Piazza Navona, cuxa forma é a do outrora estadio romano. Ten o rostro dañado e non conserva os brazos nin as pernas. Descoñécese a quen representa, pero posiblemente a un heroe da antiga Grecia: Hércules, un soldado de Alexandre Magno esvaecido no Cidno, a Aiax que transporta o cadáver de Aquiles ou a Menelao co corpo de Patroclo. 
En canto á orixe do seu nome, parece que existe máis unanimidade. Para algúns Paquino era un personaxe do barrio, coñecido coñecido polos seus versos satíricos, quizais un barbeiro, un carpinteiro ou un sastre. A teoría máis popular é a de que Pasquino era un sastre. Morto a sastre, mentres se reparaba o empedrado preto do seu taller, atopouse a estatua mutilada que foi levantada e colocada ante a sastrería de Pasquino. Aínda que unha versión recente di que o nome provén dun docente de gramática latina dunha escola cercana, e que serían os seus alumnos que vendo unha semellanza física, daríanlle nome á estatua. Tampouco se pode desbotar a idea que o nome sexa tomado dun protagonista dunha novella de Bocaccio (Decamerone, IV). 
Co correr dos tempos, a estatua converteuse en soporte de sátiras escritas en dialeto romano. Nacían, así, as pasquinadas que puñan no seu punto de mira ao pontífice, á curia romana, aos costumes, sucesos e personaxes da cidade eterna. Por exemplo, o papa Alexandre VI e a familia Borxia, en xeral: Alexandre vende as chaves, os altares. Cristo: con bon dereito pode vender o que compara antes. De vicio en vicio, da chama ao incendio, Roma perece baixo dominio español. Sexto Tarquinio, Sexto Nerón, Sexto tamén este: sempre baixo os Sextos, Roma foi arruinada. 
Outra das máis célebres á a dirixida ao papa Urbano VIII, da familia dos Barberini, que ordea empregar revestimentos de bronce orixinais do Panteón para ser fundidos e posteriormente utilizados na realización do Baldaquino da basílica de San Pedro (1633): "Aquelo que non fixeron os bárbaros, fixérono os Barberini", sentenciou Pasquino. 
No século XVIII as autoridades decidiron actuar contra as "pasquinadas", e decretaron que os autores das mesmas que foran descobertos sufrirían a "pena da vida, confiscación de bens e perpetua infamia". Durante algúns dos conclaves que elixiron Papas a estatua chegou a estar vixiada por uns centinelas de forma permanente. As veces, a propia estatua burlábase das medidas como cando respondeu a un riguroso edito do papa Sixto V contra as pasquinadas aparecendo cun letreiro que dicía: "Revento por non poder falar"
Houbo célebres pasquinadas como aquela que criticaba a Roma enmascarada de cartón-pedra que recibía a Hitler: Roma de travertino, vestida de cartón, saúda ao seu encalador, o seu próximo patrón. 
Nas súas denuncias, Pasquino non estivo só, había outras estatuas parlantes na cidade. Madama Lucrecia, unha gran estatua feminina, quizais unha representación da deusa Isis, colocada diante da porta da Igrexa de San Marco. O seu nome débese a que foi propiedade de Lucrecia d'Alagno. Outra estatua parlante é Il Facchino (mozo de corda) na vía Lata. 

Babuino, figura que representa a un sileno, pero que debido á súa fealdade o pobo romano bautizouno como il babuino, situado na praza do mesmo nome. 


Ou Marforio, no Capitolio, que foi o principal compañeiro de conversación de Pasquino, unha estatua semixacente que personifica a un río, ou quizais a Xúpiter. Durante o pontificado de Sixto V e contra os novos impostos, charlaban Marforio e Pasquino:

Marforio: Que pos a secar a estas horas, Pasquino? 
Pasquino: Non ves? A miña camisa. 
Marforio: Agarda a mañá pola mañá. 
Pasquino: Non, porque quizais me tocaría pagar o raio de sol.