luns, 29 de abril de 2013

ALDO VAN EYCK


Na Europa da postguerra, debido aos bombardeos da Segunda Guerra Mundial, as cidades eran unha mistura de edificios que sobreviviran á barbarie e soares baleiros tras as labores de desentullo. En Amsterdam, a finais da década dos 40, a xefa do Departamento de Planificación Urbana, Jakoba Helena Mulder, consciente das poucas zonas de xogo que existían na súa cidade para os nenos, promulga unha lei mediante a cal calquera cidadán podía identificar un baleiro na cidade e comunicarllo ao Concello para solicitar construír nel unha zona de xogos. Estes baleiros podían ser soares entre medianeiras, terreos desentullados ou beirarrúas. Con esta información, o Concello supervisaba o soar e poñía en marcha a construción de dito espazo lúdico. 
O arquitecto elexido para tal fin foi Aldo Van Eyck, quen entre 1948 e 1978 diseñou máis de 700 parques infantís. Estas áreas destinadas ao público infantil construíronse tendo en conta a economía de postguerra da época, con materiais baratos e moita imaxinación. 
Malia modestia da súa escala, os parques infantís foron a súa aportación máis significativa como arquitecto. Unha aportación que fai as cidades máis humanas, máis vivibles, aproveitando "espazos mortos", que son devoltos á cidadanía. 
Van Eyck tamén foi pioneiro en introducir nos seus traballos o punto de vista dun usuario que normalmente se esquece: os nenos. De feito, parece que a preocupación polos nenos estivo moi presente na súa vida como arquitecto, pois ten unha obra inédita titulada O neno, a cidade e o artista. Pero, o esquema de parques de Van Eyck tamén expresa de forma actualizada unha continuidade cultural ben asentada da cultura holandesa. O "xogo de nenos" ou kinderspelen de Pieter Bruegel o Vello, representado en emprazamentos urbanos recoñecibles, foi motivo recurrente na pintura holandesa. E de aquí a unha idea poética: o tema Kinderspelen traía á mente de Van Eyck a metamorfose que acontece nunha cidade tras unha tormenta de neve. A cidade é tomada polos nenos quen se converten temporalmente nos "señores da cidade". Para Van Eyck a neve era "un gran truco dos ceos" que ofrece ao neno xúbilo. Por iso, diríxese aos arquitectos e autoridades pedidno concebir algo para os nenos máis permanente que a neve, que lles ofreza a posibilidade de moverse con liberdade entre os medios arquitectónicos da cidade. Non deu detalles de como ese novo sistema de diseño urbano debería ser pero si indicou que era importante que non fose algo illado, senón un patrón regular implantado en toda a cidade. Unha cidade ao servizo dos nenos e nenas. Fermoso, non si?

DALÍ

"Eu o único que quero ser é Salvador Dalí e nada máis". Houbo poucos artistas ao longo da Historia da Arte que se venderan tan ben a si mesmos como Salvador Dalí. 
A semana pasada inaugurouse no Centro Reina Sofía de Madrid unha gran retrospectiva sobre Salvador Dalí, o gran mestre do surrealismo, e que poderá visitarse ata o 2 de setembro. Expóñense máis de duascentas obras entre pinturas, esculturas e debuxos, de cada unha das súas etapas máis significativas, pero tamén nos achega á súa participación no mundo a fotografía, teatro e cine. Por exemplo, Un can andaluz con Luis Buñuel ou os decorados da película de Hitchcok Recorda (Spellbound).
Comeza cun espazo adicado aos autorretratos e á alusión á figura e á paisaxe, nunha etapa de aprendizaxe do artista, coa súa familia como modelo en moitas das súas obras. Por exemplo, a moza que mira pola fiestra aberta é súa irmá. 
A continuación, a exposición achéganos ao período no cal Salvador Dalí estivo na Residencia de Estudantes de Madrid en 1922, onde coincidiu con Federico García Lorca e Luis Buñuel, entre outros, e onde tamén experimentou con diferentes "ismos" do século XX, como o cubismo e o futurismo. 
Tras este período inicial, Dalí adéntrase no surrealismo. Esta etapa tamén está marcada polo coñecemento de Gala, a súa musa e compañeira de vida. Faise especial fincaé no "método paranoico-crítico" desenvolvido polo artista. Este método baseábase na psicoanálise de Freud. O descobremento de Freud marcará a obra de Dalí, atopando nel a explicación aos seus temores e obsesións: medo ao contacto físico co sexo contrario, medo á castración, medo a impotencia, á morte e á putrefacción. Na súa obra serán frecuentes elementos como as formas fálicas, os saltamontes, o león, as formigas, os reloxos brandos, etc. Desta época son obras como A persistencia da memoria. 


paranoia, segundo a psiquiatría, é un trastorno mental caracterizado polos delirios persecutorios ou de grandeza. Para Salvador Dalí foi un procedemento creativo para profundizar nas oscuras realidades do subconsciente. Os medos, os instintos ocultos que afloran nos nosos soños, e, con frecuencia, as interconexión das imaxes carece de sentido, aínda que aparecen moi nítidas e reais. Isto trasládao Dalí ás súas obras. Serán habituais as obras nas que aparecen imaxes dobres ou triples, é dicir, respresentacións dun obxecto que sexa, ao mesmo tempo, a representación doutro obxecto diferente. Na sección titulada O Anxelus pódese observar o interse de Dalí pola obra de Millet e o método paranoico-crítico levado á súa máxima expresión. 
Guerra Civil española, a Segunda Guerra Mundial e a súa estancia en Estados Unidos entre 1940 e 1948 tamén teñen cabida nesta mostra. O conflito internacional e a catástrofe nuclear de Hiroshima e Nagasaki trasforman a obra do pintor. Comeza unha etapa mística e nuclear, tratando temas relixiosos e outros relacionados cos avances científicos da época, mostrándose especialmente interesado nos progresos referentes á fusión e fisión nucleares, como en obras A máxima velocidade da Madonna de Rafael. Agora ben, tamén en Estados Unidos Dalí entra en contacto cun novo público e busca "vender a marca Dalí". Fai portadas para a revista Vogue e colabora con Hithcok ou con Watl Disney.  "Oh, Salvador, agora o sabes, xogando a ser un xenio, chégase a selo!".  

ETNA

O Monte Etna, situado na illa italiana de Sicilia, é o volcán máis elevado de Europa, e, ademais, un dos máis activos do mundo. Esta fin de semana entrou de novo en erupción, deixando espectaculares imaxes. Os expertos aseguran que non hai perigo para as poboacións que se atopan próximas, entre elas a cidade de Catania. 

domingo, 28 de abril de 2013

DESGANAS

Si cuarenta mil niños sucumben diariamente
en el purgatorio del hambre y de la sed
si la tortura de los pobres cuerpos
envilece una a una a las almas
y si el poder se ufana de sus cuarentenas
o si los pobres de solemnidad
son cada vez menos solemnes y más pobres
ya es bastante grave
que un solo hombre
o una sola mujer
contemplen distraídos el horizonte neutro
pero en cambio es atroz 
sencillamente atroz
si es la humanidad
la que se encoge de hombros

Mario Benedetti - El olvido está lleno de memoria. 

mércores, 17 de abril de 2013

A DAMA DE FERRO

Onte foi o enterro de Margaret Thatcher. Nada en 1925 no seo dunha familia modesta, pois era filla dun tendeiro. Foi a primeira muller, e polo momento a única, en ocupar o cargo de primeira ministra en Reino Unido. Gañou as eleccións británicas en 1979 e mantívose no poder ata 1990, liderando o partido conservador británico. Moitos anos que, evidentemente dan para moito, ata unha guerra con Arxentina, a Guerra das Malvinas (1982) que segue a traer cola cada vez que un político británico ou representante da casa real visita o arquipélago. Onte foi enterrada con honores militares e unha gran parrafernalia en Londres. Non vou entrar en valoracións do que fagan os británicos. Alá eles. Pero, resúltame unha broma de mal gusto a idea de darlle o seu nome a unha rúa en Madrid, por riba, a mesma semana que tamén falece o humanista, escritor e economista José Luis Sampedro, e xa non por barrer para a casa, pois era español, senón polo que a súa persoa significou no eido cultural. Evidentemente, non todos os británicos son favorables a Thatcher. Só un exemplo. O cineasta Ken Loach ante o seu falecemento dixo: Como deberiamos honrala? Privaticemos o seu funeral. Sáquemolo a concurso público e aceptemos a oferta máis barata. É o que ela tería desexado. Ken Loach é un director británico moi coñecido pola temática social que sempre da ás súas películas, pero no seu caso esa temática social é compromiso social para denunciar o que considera inxustizas do sistema derivadas das decisións políticas de Thatcher. Non é estrano que a Margaret Thatcher non lle gustase o seu cine! Películas como Riff-Raff, Chovendo pedras, O meu nome é Joe, Ladybird, Ladybird, Felices dezaseis ... 

Alcumada a "Dama de Ferro" por un xornalista soviético en 1976. Deu boa conta do seu sobrenome ao longo da súa carreira política. 

luns, 8 de abril de 2013

DIFERENTES FORMAS DE VER O MUNDO

OS SISTEMAS DE PROXECCIÓNS CARTOGRÁFICAS






En 1587, un xeógrafo alemán fixo moito máis que debuxar outro simple mapa. Dalgunha forma, Xerardo Mercator (1512-1594) creou "o mundo". Explícome, se pedimos a un grupo de xente debuxar o noso planeta, a maioría reproduciría, máis ou menos, o mapamundi de Mercator, con Europa no centro, e América e Asia nos extremos. Unha visión plana que contradí a realidade dun planeta esférico achatado nos polos e, ademais, unha visión eurocentrista. Agora ben, tomando como referente o mapa de Mercator, tamén atopamos "adaptacións". Así, nos mapamundi en EUA non colocan a Europa no centro, senón ao continente americano. 


O mapamundi de Mercator, ademais, asentou as bases dunha percepción equivocada da masa real dos continentes: Europa aparece moito maior do que é. Para iso, é suficiente con achegarnos á representación do mundo de Arno Peters (1916-2002), realizada na década dos 50 do século XX, máis acorde coa realidade xeográfica da Terra, aínda que a súa proxección da Terra tamén é discutida. 


 

Unha das proxeccións máis recentes é o Mapa de Hobo-Dyer (2002). Podemos ver dúas versións da mesma proxección. Pois quen di que o Norte teña que estar na parte superior do mapa? 


A representación do mundo tamén pode atender a diferentes factores. Que significa este mapa? Proporciónanos unha imaxe precisa do tamaño das poboacións dos países en todo o mundo. Non nos axudará a viaxar dun país a outro, pero mostraranos unha información importante non só do noso presente, senón tamén do futuro, en relación coa poboación mundial. Necesidades e retos que deben afrontar os diferentes países. Neste mapa, feito de pequenos cadrados nos que cada cadradiño representa un millón de persoas, canto máis grande se represente o país, máis poboación ten. O mapa de Poboación, elaborado por Paul Breding, con explicación de Denis Wood, de seguro non pasa inadvertido. 


domingo, 7 de abril de 2013

SE ESPAÑA FOSE UN POBO DE 100 HABITANTES ...

SOFONISBA ANGUISSOLA

No Renacemento, a condición do artista mudou. Deixou de ser considerado un mero artesán e a parte "intelectual" do seu facer comezou a ser valorada. A loita por acadar unha nova condición e a propia consideración que sobre si mesmos tiñan os artistas renacentistas queda constatada a través dos autorretratos que conservamos a partir deste momento. Ata a data, os retratos eran moi escasos, máis aínda un autorretrato dun artista. A nova mentalidade humanista que coloca ao ser humano no centro de todas as cousas está detrás da nova atención prestada ao ser humano como individuo que busca que o seu recordo se perpetúe no tempo. 
Agora ben, non so foron "artistas homes" os que se miraron ao espello e decidiron autorretratarse, senón tamén comezamos a ter exemplos de artistas mulleres. Pero por que son tan escasas as artistas no mundo da arte? A resposta é moi sinxela, porque como outros campos o mundo da arte estivo vetado para as mulleres durante séculos. 
Unha das primeiras artistas en autorretratarse foi Sofonisba Anguissola (1532-1626), unha pintora italiana que estivo na España de Felipe II. Consciente da súa valía, pintouse en diferentes idades e épocas da súa vida. 
Nacera en Cremona, no norte de Italia, e era a maior de sete irmáns. Seu pai, membro descado da nobreza xenovesa, Amilcare Anguissola, animou as súas fillas a estudar. En Roma, Sofonisba recibiu clases do propio Miguel Anxo. E antes de trasladarse a Madrid, á corte de Felipe II, estivo traballando en Milán para importantes cortesáns. Foi, precisamente, a recomendación dun nobre milanés o que permitiu que se trasladase á corte de Felipe II, onde permaneceu durante dezaoito anos. En Madrid pintou o retrato máis coñecido de Felipe II, que ata fai poucos anos era atribuído a Sánchez Coello.

O ROUBO DA GIOCONDA



O roubo da Gioconda, obra de Leonardo da Vinci, un dos cadros máis famosos do museo do Louvre (París), parece que foi bastante sinxelo. O 21 de agosto de 1911, Vincenzo Peruggia, vestido con bata branca (o uniforme de traballo de copiadores e traballadores do museo), logrou roubar a célebre obra. O día anterior ocultouse nun dos numerosos armarios empotrados do Louvre, no que os copistas deixaban os seus lenzos e caballetes. Cando ao día seguinte o equipo de limpeza deixou a sala na que estaba a Gioconda, o ladrón saíu do seu escondite e, sen máis, descolgou a obra. O cadro é máis ben pequeno: tan só mide 76,8 x 53 centímetos. Ao día seguinte, escondeuno tranquilamente debaixo da súa bata. Era luns e o Louvre estaba pechado. Vincenzo Peruggia coñecía ben o Louvre. Entre outubro de 1910 e xaneiro de 1911 traballara alí como cristaleiro na cuberta que protexía a Gioconda. Só saíu algo mal no seu plan. A chave que abría a porta da escaleira, que lle permitiría abandoar o Louvre, non encaixaba. Sen embargo, un dos fontaneiros que traballaban no museo parisino abreulle a porta cunha das súas ferramentas.
Agora ben, actuou só Vincenzo Peruggia? O cadro de Leonardo da Vinci é pequeno, mais pesado. Leonardo da Vinci pintouna sobre unha táboa de madeira, ao que hai que engadir o marco tamén de madeira e a caixa de cristal que protexía a obra. Un obxecto bastante pesado para unha única persoa. A policía seguiu infructuosamente toda pista e todo rumor sobre a obra. Interrogou incluso a Pablo Picasso. A sospeita recaera en Picasso, entón un xoven artista, porque mercara unhas pequenas estatuas ibéricas ao belga Honoré Joseph Géry, que fora empregado do poeta Apollinaire, e roubara as obras do Louvre. 
A Mona Lisa seguía desaparecida. O propio Louvre perdera toda esperanza e colgou no seu lugar a obra de Rafael na que aparece un home retratado, Baldassare Castiglione. Ata que un día, Alfredo Geri, un marchante de arte de Florencia, recibiu unha carta de Peruggia. Na carta, firmada por un tal Leonardo, este afirmaba que tiña a intención de devolver a Gioconda a o seu país, e como contraprestación esixía 500.000 liras. Pero Geri acudiu á policía e Peruggia foi detido. Ante os tribunais alegou que roubara o cadro pero só porque se trataba dunha obra que pertence a Italia, ao igual que os cadros italianos que colgan do museos e que Napoleón levou a Francia. Sen embargo, parece ser que Peruggia ignoraba que a obra, realizada entre 1503 e 1506, chegara a Francia máis de 200 anos antes de Napoleón. Leonardo da Vinci traballou cara o final do seus días para Francisco I, rei de Francia, quen adquiría a obra, sen que pasase nunca a estar nas mans da familia Giocondo, mercader que encargara a Leonardo da Vinci o retrato da súa esposa. 
A película A banda Picasso (2012) do director español Fernando Colomo, recrea (de forma moi libre) o París de comezos do século XX e o roubo da Gioconda, implicando, na trama, ao pintor malagueño. 

L.H.O.O.Q

Pode un facer obras de arte que non sexan obras de Arte? A pregunta formulouna a si mesmo o propio Marcel Duchamp en 1913 e abreu unha nova porta no mundo da arte. 
Ata entón fora tan só pintor, pero este interrogante abreu un novo camiño na arte fronte as ideas tradicionais sobre o qué é a Arte. Os ready-made son a súa achega máis persoal. A súa denominación, traducible como xa feito, alude a que Duchamp non crea nada novo. Só modifica obxectos que previamente seleccionou. Obxectos producidos en serie e potenciais obras de Arte. Por que? Pois porque foron escollidos por un artista, independentemente de quen os houbese manufacturado. Un urinario, un secador de botellas ou unha roda de bicicleta podían ser Arte, polo tanto esta definición nunca máis sería privativa das pezas únicas. A estes obxectos cotiás dáballes unha nova función, cambiaba o seu contexto, e dáballes un novo valor en tanto que obras de arte porque el así o decide. 
Duchamp buscaba a provocación. E, dentro de esta actitude, pinta bigote e barbicha á Gioconda e escribe debaixo dela LHOOQ (letras que lidas en francés veñen a dicir Ela ten calor no cú). Búrlase da pedantería que, con frecuencia de máis, rodea o mundo da creación artística. Isto é arte? O seguro é que sen os ready-made de Duchamp non nos teriamos preguntado dunha maneira tan insistente, que é a arte? 



HIPATIA


Na Escola de Atenas, obra de Rafael Sanzio, aparece representada Hipatia de Alexandría, entre outros grandes filósofos da Antigüedade clásica. Hipatia foi filósofa (neoplatónica) e matemática. Destacou tamén en astronomía. Naceu en Alexandría, Exipto, no ano 370 e morreu na mesma cidade no ano 415. Era filla do matemático e astrónomo Teón de Alexandría. Realmente Teón foi unha excepción no seu tempo pois permitiu que a súa filla se convertise en astrónoma, filósofa e matemática, cousa que era sumamente inusual nun sistema no que as mulleres non tiñan dereito á educación e as súas vidas transcurrían nos espazos pechados das súas casas.  Parece ser que Teón puxo o seu empeño en que Hipatia tivese unha boa formación, tanto física como mental, superando a seu pai, especialmente na observación dos astros. Teón traballaba no Museo, institución adicada á investigación e á ensinanza que fora fundada por Ptolomeo, sucesor de Alexandre Magno. O Museo tiña máis de cen profesores. Hipatia entrou a formar parte do grupo de profesores desta institución, e incluso, segundo as fontes chegando a dirixilo arredor do ano 400. 
Hipatia adicouse, durante vinte anos, a investigar e ensinar Matemáticas, Xeometría, Astronomía, Lóxica e Filosofía. Viaxou a Atenas e a Italia para completar a súa formación. En Atenas estudou a obra de Platón e Aristóteles. Ocupaba a cátedra de Filosofía platónica polo que os seus amigos e compañeiros chamábana "a filósofa". 
Sen embargo, os coñecementos que transmitía Hipatia eran considerados polos cristiáns como "pagáns". Esta circunstancia levou a que os cristiáns queimasen e destruísen todos os templos e centros gregos e, aos académicos do Museo, obrigándoos a convertirse ao cristianismo senón querían morrer. Hipatia negouse. En marzo do 415, acusada de conspirar contra o patriarca cristián de Alexandría, foi torturada e asasinada. 
Agora ben, as causas da súa morte tampouco están demasiado claras, quizais non foi só un asasinato pola intolerancia dos cristiáns (hai que ter en conta que Hipatia non era contraria ao cristianismo e tiña discípulos de todas as relixións), senón máis ben un asasinato de carácter político, dentro dun contexto de tensións políticas que existía na Alexandría desa época, unha loita que mantiñan o patriarca cristián Cirilo e o prefecto romano Oreste pola hexemonía política en Alexandría. Parece ser que Hipatia adquiriu un gran prestixio nos ambientes políticos de Alexandría, frecuentado polo prefecto romano Orestes. Isto provocou a envexa dos ambientes cristiáns. De todos os xeitos, Hipatia en tanto que filósofa, científica, maestra e política, atentaba contra o patriarcado e os ideas cristiáns, que ditaban un papel secundario para a muller. 
A historia de Hipatia foi levada á gran pantalla polo cineasta español Alejandro Amenábar: Ágora. A película estrenouse no 2009. Interpretada no seu papel protagonista por Rachel Weisz.  


xoves, 4 de abril de 2013

MECENAS


De onde vén a palabra mecenas? Durante estes días estamos a facer alusión, de forma recurrente a esta palabra, pero quen da nome á figura que actúa como patrocinador de artistas e da cultura, en xeral. Pois é Cayo Cilnio Mecenas (70 - 8 a.C). Era un noble romano, confidente e conselleiro político de César Augusto. Foi un importante impulsor das artes, de poetas, e amigo de destacados nomes da literatura romana como Virxilio ou Horacio. Virxilio incluso escribiría unha das súas obras, as Xeórxicas, na súa honra. O propio Mecenas escribiría algunha obra literaria, da que chegaron ata nós algúns fragmentos. 

LOURENZO O MAGNÍFICO




No palazzo Medici Riccardi (Florencia) hai un fresco, realizado por Benozzo Gozzoli, que representa a "Calbagata dos Reis Magos". En realidade, o episodio bíblico serve ao artista para representar a numerosos membros da familia Medici, entre eles un xoven Lorenzo di Medici. Todos os anos se celebraba na cidade-estado de Florencia a comitiva dos Reis Magos, un desfile festivo no que participaba todo o pobo. O desfile estaba organizado polos gremios que se encomendaban aos Reis Magos e por cofradías como a "Compañía dos Reis Magos". Os seus membros disfrazábanse de Reis e o seu séquito, participando o 6 de xaneiro nun dos desfiles máis fermosos da época. Lorenzo aparece como un dos Reis Magos, á esquerda seu pai, un home maior con traxe escuro, Cósimo di Medici, rodeado de algún dos seus fillos. Incluso aparece o propio pintor, que é o único personaxe identificado con plena seguridade, pois no seu sombreiro aparece a seguinte frase: Obra de Benozzo.
Algo da familia Medici xa sabemos. O primeiro membro importante da familia Medici fora Cosme, o avó de Lorenzo, quen chegou a ser un dos homes máis ricos de Europa. Coa súa fortuna, costeou numerosas obras públicas, como a futura Galería dos Uffizi, e exerceu de mecenas, ao estilo humanista. Como banqueiro do Papa, en 1431, reuniu en Florenica un concilio para reunificar as igrexas cristiás, e tamén se sostén que os asistentes a ese concilio foron inmortalizados no fresco de Benozzo Gozzoli que acabamos de mencionar. Cosme tivo dous fillos: o maior, Pedro de Cosme, conservou o patrimonio familiar e a tradición do mecenazgo artístico. Tivo cinco fillos. Lorenzo, como home do seu tempo, cultivou diferentes disciplinas, como o comercio, a banca, a filosofía e a poesía, da cal conservamos algunha mostra. 

P183


Dentro da street art hai un nome destacado Bansksy, un artista gráfico británico do cal non se sabe a súa identidade, pero con obras recoñecidas a nivel mundial. Agora ben, nesta entrada non imos falar del, senón da morte, aos 29 anos, doutro misterioso artista alcumado "o Banksy ruso" e que se escondía baixo o pseudónimo de P183. Chamábase Pável e cursou estudos na escola moscovita de "Deseño comunicativo". Ata aquí a súa biografía, a cal agora poñemos unha morte temperán e en circunstancias, polo menos ata o de agora, descoñecidas, ou non reveladas.  As súas obras, grafitis e composicións nas rúas e parques, caracterizábanse por ser contestatarias e de denuncia social, mostrando a disconformidade respecto a un réxime policia e a enorme corrupción reinante, nunha Rusia que non se caracteriza precisamente por ver con bos ollos as críticas ao goberno. De feito, os seus debuxos eran tapados unha e outra vez con pintura gris baixo ordes das autoridades. Tal foi o caso dos policías con escudos antidisturbios debuxados nas portas dunha das estacións de metro de Moscú. Outras porque eran efémeras, como as "Gafas", unha das súas creacións máis recoñecidas. De todos os xeitos, a Internet e as redes sociais servían de canle difusor da súa obra. A xente apresurábase a tomar unha instántánea das súas obras e difundila. 
Escondía a súa identidade, nas súas aparicións públicas, tras un pasamontañas, pero deixaba moi clara a intención da súa obra: "Coa miña  obra trato de unir folgos con persoas que comparten os meus pensamentos, cantantes, poetas, artistas, directores de cine que pensan coma min ou con quen podo respirar tranquilo. Hai moitas iniciativas como esta e en todas elas atopo persoas que queren mudar o mundo para mellor". Ou estas outras, que se poderían elevar a unha crítica que traspasa as fronteiras de Rusia, pois a realidade que   reflexan as súas palabras debería sernos familiar: "O maior obstáculo neste país é gañarse a vida e superar a incultura da xente, e as dúas cousas están provocadas polas autoridades". "Para mín a arte da rúa é unha ferramenta para enviar pensamentos á xente e facerlles pensar". 


luns, 1 de abril de 2013

CONDOTTIERI


Os Condottieri (singular condottiero) eran os mercenarios á fronte dun exército, reclutado por el mesmo, contratados e pagados polas cidades-estado italianas ou o Papado, durante a Idade Media e o Renacemento. Os condottieri van a proliferar nun contexto de atomización política, e enfrontamentos, na Italia do século XV e XVI. Soían ser membros de familias da nobreza e algúns deles acadaron gran sona e honores e foron representados, retratados, polos grandes artistas do Renacemento. 
No Renacemento destacan dous retratos de condottieri: o de  Erasmo de Narni, alcumado Gattamelata, obra de Donatello, realizada entre 1447 e 1453, para ser colocada ante a basílica de San Antonio en Padua e que ademais de retrato era tamén a súa tumba, e a estatua de Bartolomeo Colleoni, obra de Verrocchio, datada en 1479. Ambos son retratos ecuestres. Este tipo de retrato quedara abandoado trala época romana e, deste modo, os precedentes máis próximos atópanse nas estatuas dos emperadores, a máis coñecida é a de Marco Aurelio a cabalo, realizada no século II e que durante séculos estivo exposta ao público na piazza do Capitolio en Roma (hoxe nos Museos Capitolinos, pero na praza podemos observar unha copia).