luns, 1 de abril de 2013

CONDOTTIERI


Os Condottieri (singular condottiero) eran os mercenarios á fronte dun exército, reclutado por el mesmo, contratados e pagados polas cidades-estado italianas ou o Papado, durante a Idade Media e o Renacemento. Os condottieri van a proliferar nun contexto de atomización política, e enfrontamentos, na Italia do século XV e XVI. Soían ser membros de familias da nobreza e algúns deles acadaron gran sona e honores e foron representados, retratados, polos grandes artistas do Renacemento. 
No Renacemento destacan dous retratos de condottieri: o de  Erasmo de Narni, alcumado Gattamelata, obra de Donatello, realizada entre 1447 e 1453, para ser colocada ante a basílica de San Antonio en Padua e que ademais de retrato era tamén a súa tumba, e a estatua de Bartolomeo Colleoni, obra de Verrocchio, datada en 1479. Ambos son retratos ecuestres. Este tipo de retrato quedara abandoado trala época romana e, deste modo, os precedentes máis próximos atópanse nas estatuas dos emperadores, a máis coñecida é a de Marco Aurelio a cabalo, realizada no século II e que durante séculos estivo exposta ao público na piazza do Capitolio en Roma (hoxe nos Museos Capitolinos, pero na praza podemos observar unha copia). 



A estatua ecuestre de Gattamelata reflexa serenidade e equilibrio. Busca captar a psicoloxía do personaxe, de tal forma que parece que Donatello quere dotalo de dignidade e maxestuosidade, elementos que se trasladan tamén ao propio cabalo, un de cuxos cuartos dianteiros apoíase sobre unha bola de bronce. Polo demais, o condottiero está en actitude de pasar revista ás tropas (ad locutio), porta o bastón de mando na man dereita e cingue ao cinto unha espada, mentres  a súa mirada pérdese no horizonte. 
A estatua de Bartolomeo Colleoni está en Venecia e foi un encargo da República da cidade (tamén a estatua funeraria do Gattamelata o fora). Agora ben, a súa resolución é moi diferente á que fai Donatello. Fronte ao aire pausado do Gattamelata, o Colleoni rebosa dinamismo: o seu corpo está xirado e a súa propia actitude, así como os rasgos do seu rostro, emanan enerxía. O peito botado para fóra, cuberto por unha armadura, vén reforzar a actitude un tanto arrogante deste condottiero. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario