domingo, 7 de abril de 2013

SOFONISBA ANGUISSOLA

No Renacemento, a condición do artista mudou. Deixou de ser considerado un mero artesán e a parte "intelectual" do seu facer comezou a ser valorada. A loita por acadar unha nova condición e a propia consideración que sobre si mesmos tiñan os artistas renacentistas queda constatada a través dos autorretratos que conservamos a partir deste momento. Ata a data, os retratos eran moi escasos, máis aínda un autorretrato dun artista. A nova mentalidade humanista que coloca ao ser humano no centro de todas as cousas está detrás da nova atención prestada ao ser humano como individuo que busca que o seu recordo se perpetúe no tempo. 
Agora ben, non so foron "artistas homes" os que se miraron ao espello e decidiron autorretratarse, senón tamén comezamos a ter exemplos de artistas mulleres. Pero por que son tan escasas as artistas no mundo da arte? A resposta é moi sinxela, porque como outros campos o mundo da arte estivo vetado para as mulleres durante séculos. 
Unha das primeiras artistas en autorretratarse foi Sofonisba Anguissola (1532-1626), unha pintora italiana que estivo na España de Felipe II. Consciente da súa valía, pintouse en diferentes idades e épocas da súa vida. 
Nacera en Cremona, no norte de Italia, e era a maior de sete irmáns. Seu pai, membro descado da nobreza xenovesa, Amilcare Anguissola, animou as súas fillas a estudar. En Roma, Sofonisba recibiu clases do propio Miguel Anxo. E antes de trasladarse a Madrid, á corte de Felipe II, estivo traballando en Milán para importantes cortesáns. Foi, precisamente, a recomendación dun nobre milanés o que permitiu que se trasladase á corte de Felipe II, onde permaneceu durante dezaoito anos. En Madrid pintou o retrato máis coñecido de Felipe II, que ata fai poucos anos era atribuído a Sánchez Coello.


Ademais de retratar a membros da familia real e a membros da corte, deulle clases de pintura á raíña Isabel de Valois. 
Casou dúas veces. A primeira cun nobre catalán, Francesc de Moncada, cando tiña 38 anos, e a segunda, cun marino italiano, Orazio Lomellino, dez anos máis tarde da morte do seu primeiro home. Viviría en Palermo, Pisa e Xénova. 
Continuou pintando ata os 90 anos, cando a súa vista empeorou ata tal punto que tivo que deixar os pinceis. Xa anciá, recibiu a visita dun xoven flamenco, que xa entón despuntaba como unha promesa entre os retratistas do seu tempo: Antonio Van Dyck. O pintor chegaría a retratala. Mentres el debuxaba, ela ía dándolle indicacións de cómo debía colocarse. En referencia a aquela experiencia a carón de Sofonisba, Van Dyck afirmaría: "Teño recibido maís luz dunha cega que de todos os meus mestres". 
Morrería á idade de 93 anos en Sicilia. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario