domingo, 31 de marzo de 2013

A CAÍDA DE CONSTANTINOPLA E A ACADEMIA NEOPLATÓNICA




En 1453, os turcos otomanos conquistaron Constantinopla, a capital do Imperio Bizantino, tras meses de asedio e bombardeos dos cañóns de bronce que o sultán trasladara con gran esforzo para perforar as súas poderosas murallas. Foi inmensa a resonancia da caída deste imperio económico e cultural. Tivo importancia determinante na procura de novas rutas para chegar "as Indias", o que á súa vez, levou aparellado a ampliación do mundo coñecido ata entón polos europeos. Pero nesta entrada quero facer referencia á importancia do exilio dos eruditos que marcharon cara a cidade de Florencia. A familia Médici acolleunos no seu rol de mecenas das artes e da cultura. Necesitaban estudiosos da cultura grega para o seu proxecto de refundar a Academia platónica. Os cartos da familia Médici, forxados nas súas empresas, especialmente o seu banco, sufragou este proxecto. A Academia fundouse na vila Médici de Careggi, preto de Florencia, en 1459. Á fronte da Academia púxose Georgios Gemistos Plethon, que non tardaría en rodearse de figuras da importancia do cardeal Besarión, Pico da Mirandola ou Marsilio Ficino (imaxe inferior, obra de Leonardo da Vinci). Baixo o mecenazgo de Cosme de Medici (imaxe superior), e continuado co de Lorenzo o Magnífico, a Academia floreceu e converteuse en centro espiritual do Renacemento florentino a finais do Quattrocento. Buscaba inspiración nos ideais das civilizacións grega e romana, especialmente a partir de fontes literarias e filos´foicas. O neoplatonismo volveu a centrar o interese dos europeos e deulle tono á vida estética e literaria de Florencia, de Italia e de Europa; imposible entender a pintores como Botticelli sen esta Academia. O grupo disolveuse trala morte de Lorenzo o Magnífico, falecido precisamente en Careggi en 1492. Dous anos máis tarde morrían en Florencia Poliziano e Pico della Mirandola, en circunstancias misteriosos. Os seus corpos foron exhumados, e coas actuais técnicas os científicos puideron determinar que ambos foran envenenados con arsénico, probablemente por orde do sucesor de Lorenzo de Médici. A familia Médici sempre estivo rodeada de conspiracións e ansias de poder, dentro e fóra do seo familiar, alianzas e desavenencias, que nalgúns casos levaron aos seus protagonistas cos pés por diante. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario