xoves, 4 de abril de 2013

P183


Dentro da street art hai un nome destacado Bansksy, un artista gráfico británico do cal non se sabe a súa identidade, pero con obras recoñecidas a nivel mundial. Agora ben, nesta entrada non imos falar del, senón da morte, aos 29 anos, doutro misterioso artista alcumado "o Banksy ruso" e que se escondía baixo o pseudónimo de P183. Chamábase Pável e cursou estudos na escola moscovita de "Deseño comunicativo". Ata aquí a súa biografía, a cal agora poñemos unha morte temperán e en circunstancias, polo menos ata o de agora, descoñecidas, ou non reveladas.  As súas obras, grafitis e composicións nas rúas e parques, caracterizábanse por ser contestatarias e de denuncia social, mostrando a disconformidade respecto a un réxime policia e a enorme corrupción reinante, nunha Rusia que non se caracteriza precisamente por ver con bos ollos as críticas ao goberno. De feito, os seus debuxos eran tapados unha e outra vez con pintura gris baixo ordes das autoridades. Tal foi o caso dos policías con escudos antidisturbios debuxados nas portas dunha das estacións de metro de Moscú. Outras porque eran efémeras, como as "Gafas", unha das súas creacións máis recoñecidas. De todos os xeitos, a Internet e as redes sociais servían de canle difusor da súa obra. A xente apresurábase a tomar unha instántánea das súas obras e difundila. 
Escondía a súa identidade, nas súas aparicións públicas, tras un pasamontañas, pero deixaba moi clara a intención da súa obra: "Coa miña  obra trato de unir folgos con persoas que comparten os meus pensamentos, cantantes, poetas, artistas, directores de cine que pensan coma min ou con quen podo respirar tranquilo. Hai moitas iniciativas como esta e en todas elas atopo persoas que queren mudar o mundo para mellor". Ou estas outras, que se poderían elevar a unha crítica que traspasa as fronteiras de Rusia, pois a realidade que   reflexan as súas palabras debería sernos familiar: "O maior obstáculo neste país é gañarse a vida e superar a incultura da xente, e as dúas cousas están provocadas polas autoridades". "Para mín a arte da rúa é unha ferramenta para enviar pensamentos á xente e facerlles pensar". 


Ningún comentario:

Publicar un comentario