mércores, 17 de abril de 2013

A DAMA DE FERRO

Onte foi o enterro de Margaret Thatcher. Nada en 1925 no seo dunha familia modesta, pois era filla dun tendeiro. Foi a primeira muller, e polo momento a única, en ocupar o cargo de primeira ministra en Reino Unido. Gañou as eleccións británicas en 1979 e mantívose no poder ata 1990, liderando o partido conservador británico. Moitos anos que, evidentemente dan para moito, ata unha guerra con Arxentina, a Guerra das Malvinas (1982) que segue a traer cola cada vez que un político británico ou representante da casa real visita o arquipélago. Onte foi enterrada con honores militares e unha gran parrafernalia en Londres. Non vou entrar en valoracións do que fagan os británicos. Alá eles. Pero, resúltame unha broma de mal gusto a idea de darlle o seu nome a unha rúa en Madrid, por riba, a mesma semana que tamén falece o humanista, escritor e economista José Luis Sampedro, e xa non por barrer para a casa, pois era español, senón polo que a súa persoa significou no eido cultural. Evidentemente, non todos os británicos son favorables a Thatcher. Só un exemplo. O cineasta Ken Loach ante o seu falecemento dixo: Como deberiamos honrala? Privaticemos o seu funeral. Sáquemolo a concurso público e aceptemos a oferta máis barata. É o que ela tería desexado. Ken Loach é un director británico moi coñecido pola temática social que sempre da ás súas películas, pero no seu caso esa temática social é compromiso social para denunciar o que considera inxustizas do sistema derivadas das decisións políticas de Thatcher. Non é estrano que a Margaret Thatcher non lle gustase o seu cine! Películas como Riff-Raff, Chovendo pedras, O meu nome é Joe, Ladybird, Ladybird, Felices dezaseis ... 

Alcumada a "Dama de Ferro" por un xornalista soviético en 1976. Deu boa conta do seu sobrenome ao longo da súa carreira política. 


Probablemente o neoliberalismo económico que nos levou á situación de crise, na que nos achamos inmersos, tería sobrevido igualmente, con ou sen Margaret Thatcher, pero, a verdade é que tanto ela como Ronald Reagan déronlle un pulo considerable. Con ela comezou un movemento privatizador de desmantelamento do Estado social. Thatcher e Reagan coincidían en que o goberno (o Estado) era o problema, non a solución. Por iso, defendían que a intervención do Estado debía ser limitada. E agora vén algo que nos sona (ou nos debería pois cansos estamos de escoitalo todos os días): os servizos públicos gratuitos ou semigratuitos crean unha relación viciada co cidadán beneficiario, que consume en exceso ese servizo. E así chegamos ao recortar servizos sociais. 
Pero non só iso. A liberalización económica anglosaxona, defendida a ultranza pola señora Thatcher, obrigou aos gobernos europeos, ante a ameaza dunha fuga masiva de capitais, a dar todas as posibilidades de movemento ao capitalismo financieiro. De aquellos polvos, vienen estos lodos. É dicir, o terreo para os paraísos fiscais estaba preparado. E seguimos. A expansión do sector financiero foi enorme. Pero o gran problema vén de que os mercados financieiros comezaron a desenvolver, a través de produtos sofisticados, como os mercados de futuro, unha revolución nas finanzas, apoiado polo desenvolvemento parello das novas tecnoloxías. Estábase creando unha economía sen base real en mercadorías, infraestruturas ou servizos financieros. Unha economía que crecía de forma artificial. 
E a isto sumamos, un terceiro elemento: a socialización das perdas en forma de grandes déficits públicos (isto tamén nos debería soar moitísimo pois en España acabamos de pasar por unha gran socialización de perdas, as dos bancos, que temos que pagar entre tod@s). Na outra cara da moeda, foi o desplome dos impostos ás rendas máis altas e ás compañías multinacionais. Isto sobre unha base teórica que di que se se lles aplican impostos moi altos aos máis ricos, estes non invertirán, recaudarase menos polo Estado, crecerá menos a economía e o emprego. Margaret Thatcher chegou a dicir que os impostos progresivos (paga máis quen máis gaña) eran unha discriminación a favor dos pobres, mostrándose favorable a que todos e todas pagasen a mesma renda, gañasen unha burrada ou non chegasen a fin de mes. 
A unión destes tres compoñentes do neoliberalismo postindustrial do século XX: Estado débil, mercados financieros internacionais poderosos e déficit público financiado preferentemente con débeda (pero non con impostos progresivos) conduciu cara á crise do século XXI da que aínda non lle vemos a fin. 
E eu pregúntome ... unha rúa para Thatcher? 





Ningún comentario:

Publicar un comentario