luns, 8 de abril de 2013

DIFERENTES FORMAS DE VER O MUNDO

OS SISTEMAS DE PROXECCIÓNS CARTOGRÁFICAS






En 1587, un xeógrafo alemán fixo moito máis que debuxar outro simple mapa. Dalgunha forma, Xerardo Mercator (1512-1594) creou "o mundo". Explícome, se pedimos a un grupo de xente debuxar o noso planeta, a maioría reproduciría, máis ou menos, o mapamundi de Mercator, con Europa no centro, e América e Asia nos extremos. Unha visión plana que contradí a realidade dun planeta esférico achatado nos polos e, ademais, unha visión eurocentrista. Agora ben, tomando como referente o mapa de Mercator, tamén atopamos "adaptacións". Así, nos mapamundi en EUA non colocan a Europa no centro, senón ao continente americano. 


O mapamundi de Mercator, ademais, asentou as bases dunha percepción equivocada da masa real dos continentes: Europa aparece moito maior do que é. Para iso, é suficiente con achegarnos á representación do mundo de Arno Peters (1916-2002), realizada na década dos 50 do século XX, máis acorde coa realidade xeográfica da Terra, aínda que a súa proxección da Terra tamén é discutida. 


 

Unha das proxeccións máis recentes é o Mapa de Hobo-Dyer (2002). Podemos ver dúas versións da mesma proxección. Pois quen di que o Norte teña que estar na parte superior do mapa? 


A representación do mundo tamén pode atender a diferentes factores. Que significa este mapa? Proporciónanos unha imaxe precisa do tamaño das poboacións dos países en todo o mundo. Non nos axudará a viaxar dun país a outro, pero mostraranos unha información importante non só do noso presente, senón tamén do futuro, en relación coa poboación mundial. Necesidades e retos que deben afrontar os diferentes países. Neste mapa, feito de pequenos cadrados nos que cada cadradiño representa un millón de persoas, canto máis grande se represente o país, máis poboación ten. O mapa de Poboación, elaborado por Paul Breding, con explicación de Denis Wood, de seguro non pasa inadvertido. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario