domingo, 7 de abril de 2013

L.H.O.O.Q

Pode un facer obras de arte que non sexan obras de Arte? A pregunta formulouna a si mesmo o propio Marcel Duchamp en 1913 e abreu unha nova porta no mundo da arte. 
Ata entón fora tan só pintor, pero este interrogante abreu un novo camiño na arte fronte as ideas tradicionais sobre o qué é a Arte. Os ready-made son a súa achega máis persoal. A súa denominación, traducible como xa feito, alude a que Duchamp non crea nada novo. Só modifica obxectos que previamente seleccionou. Obxectos producidos en serie e potenciais obras de Arte. Por que? Pois porque foron escollidos por un artista, independentemente de quen os houbese manufacturado. Un urinario, un secador de botellas ou unha roda de bicicleta podían ser Arte, polo tanto esta definición nunca máis sería privativa das pezas únicas. A estes obxectos cotiás dáballes unha nova función, cambiaba o seu contexto, e dáballes un novo valor en tanto que obras de arte porque el así o decide. 
Duchamp buscaba a provocación. E, dentro de esta actitude, pinta bigote e barbicha á Gioconda e escribe debaixo dela LHOOQ (letras que lidas en francés veñen a dicir Ela ten calor no cú). Búrlase da pedantería que, con frecuencia de máis, rodea o mundo da creación artística. Isto é arte? O seguro é que sen os ready-made de Duchamp non nos teriamos preguntado dunha maneira tan insistente, que é a arte? 



Ningún comentario:

Publicar un comentario