luns, 29 de abril de 2013

ALDO VAN EYCK


Na Europa da postguerra, debido aos bombardeos da Segunda Guerra Mundial, as cidades eran unha mistura de edificios que sobreviviran á barbarie e soares baleiros tras as labores de desentullo. En Amsterdam, a finais da década dos 40, a xefa do Departamento de Planificación Urbana, Jakoba Helena Mulder, consciente das poucas zonas de xogo que existían na súa cidade para os nenos, promulga unha lei mediante a cal calquera cidadán podía identificar un baleiro na cidade e comunicarllo ao Concello para solicitar construír nel unha zona de xogos. Estes baleiros podían ser soares entre medianeiras, terreos desentullados ou beirarrúas. Con esta información, o Concello supervisaba o soar e poñía en marcha a construción de dito espazo lúdico. 
O arquitecto elexido para tal fin foi Aldo Van Eyck, quen entre 1948 e 1978 diseñou máis de 700 parques infantís. Estas áreas destinadas ao público infantil construíronse tendo en conta a economía de postguerra da época, con materiais baratos e moita imaxinación. 
Malia modestia da súa escala, os parques infantís foron a súa aportación máis significativa como arquitecto. Unha aportación que fai as cidades máis humanas, máis vivibles, aproveitando "espazos mortos", que son devoltos á cidadanía. 
Van Eyck tamén foi pioneiro en introducir nos seus traballos o punto de vista dun usuario que normalmente se esquece: os nenos. De feito, parece que a preocupación polos nenos estivo moi presente na súa vida como arquitecto, pois ten unha obra inédita titulada O neno, a cidade e o artista. Pero, o esquema de parques de Van Eyck tamén expresa de forma actualizada unha continuidade cultural ben asentada da cultura holandesa. O "xogo de nenos" ou kinderspelen de Pieter Bruegel o Vello, representado en emprazamentos urbanos recoñecibles, foi motivo recurrente na pintura holandesa. E de aquí a unha idea poética: o tema Kinderspelen traía á mente de Van Eyck a metamorfose que acontece nunha cidade tras unha tormenta de neve. A cidade é tomada polos nenos quen se converten temporalmente nos "señores da cidade". Para Van Eyck a neve era "un gran truco dos ceos" que ofrece ao neno xúbilo. Por iso, diríxese aos arquitectos e autoridades pedidno concebir algo para os nenos máis permanente que a neve, que lles ofreza a posibilidade de moverse con liberdade entre os medios arquitectónicos da cidade. Non deu detalles de como ese novo sistema de diseño urbano debería ser pero si indicou que era importante que non fose algo illado, senón un patrón regular implantado en toda a cidade. Unha cidade ao servizo dos nenos e nenas. Fermoso, non si?

Ningún comentario:

Publicar un comentario