xoves, 4 de abril de 2013

LOURENZO O MAGNÍFICO




No palazzo Medici Riccardi (Florencia) hai un fresco, realizado por Benozzo Gozzoli, que representa a "Calbagata dos Reis Magos". En realidade, o episodio bíblico serve ao artista para representar a numerosos membros da familia Medici, entre eles un xoven Lorenzo di Medici. Todos os anos se celebraba na cidade-estado de Florencia a comitiva dos Reis Magos, un desfile festivo no que participaba todo o pobo. O desfile estaba organizado polos gremios que se encomendaban aos Reis Magos e por cofradías como a "Compañía dos Reis Magos". Os seus membros disfrazábanse de Reis e o seu séquito, participando o 6 de xaneiro nun dos desfiles máis fermosos da época. Lorenzo aparece como un dos Reis Magos, á esquerda seu pai, un home maior con traxe escuro, Cósimo di Medici, rodeado de algún dos seus fillos. Incluso aparece o propio pintor, que é o único personaxe identificado con plena seguridade, pois no seu sombreiro aparece a seguinte frase: Obra de Benozzo.
Algo da familia Medici xa sabemos. O primeiro membro importante da familia Medici fora Cosme, o avó de Lorenzo, quen chegou a ser un dos homes máis ricos de Europa. Coa súa fortuna, costeou numerosas obras públicas, como a futura Galería dos Uffizi, e exerceu de mecenas, ao estilo humanista. Como banqueiro do Papa, en 1431, reuniu en Florenica un concilio para reunificar as igrexas cristiás, e tamén se sostén que os asistentes a ese concilio foron inmortalizados no fresco de Benozzo Gozzoli que acabamos de mencionar. Cosme tivo dous fillos: o maior, Pedro de Cosme, conservou o patrimonio familiar e a tradición do mecenazgo artístico. Tivo cinco fillos. Lorenzo, como home do seu tempo, cultivou diferentes disciplinas, como o comercio, a banca, a filosofía e a poesía, da cal conservamos algunha mostra. 



Fiel ao ideal do príncipe renacentista, soubo combinar a política co mecenazgo, mantendo a tradición familiar. Para el traballaron Botticelli, Leonardo da Vinci e Miguel Anxo. Pero non se limitou a comprar obras de arte, senón que levou a cabo unha verdadeira política de "prestixio cultural". Por recomendación súa, Leonardo da Vinci  traballou ao servizo do rei de Francia, Francisco I e outros artistas italianos foron traballar a outros rincóns de Europa coa misión de divulgar a arte que se facía en Florencia. 
Pero, como tamén mencionamos noutra entrada, os inimigos eran moitos. En 1478 tivo lugar a conxura dos Pazzi, na que morreu asasinado o seu irmán Giuliano, pai do futuro papa Clemente VII. A punto de morrer, en 1492, foi obxecto das críticas de Savonarola, un relixioso dominico e predicador, que se alzou contra todo o que representaban os Medici: a banca, o luxo a vida galante. Savonarola promoveu as "fogueiras das vanidades" onde os florentinos estaban invitados a arroxar os seus obxectos de luxo, libros que el consideraba "licenciosos" (como os de Boccaccio", e tamén, obras de arte. Incluso o propio Boticelli, influído polas predicacións de Savonarola, se desfixo dalgunhas das súas obras de temática mitolóxica. Savonarola arrebatou o poder aos Medici aproveitando a invasión da Toscana polo rei francés Carlos VIII. Porén, a morte de Carlos VIII, o 7 de abril de 1498, deixouno sen protector. Ao día seguinte, o exército do Papa Alexandre VI (quen o excomulgara previamente) entrou na cidade e, tras días de tortura, "confesou a súa herexía" (xa sabemos que isto das confesións baixo tortura ...). Sería executado o 23 de maio de 1498. O caso é que os Medici volveron a controlar a cidade, pero comezaban outros tempos e o foco artísticos desplazábase cara a Roma papal. 
Hoxe, Lorenzo e Giuliano descansan na Capela dos Medici, da Basílica de San Lourenzo de Florencia. O conxunto funerario da capela é obra do gran Miguel Anxo por encargo do papa León X, por outra parte, tamén descendente dos Medici.



Ningún comentario:

Publicar un comentario