domingo, 7 de abril de 2013

O ROUBO DA GIOCONDA



O roubo da Gioconda, obra de Leonardo da Vinci, un dos cadros máis famosos do museo do Louvre (París), parece que foi bastante sinxelo. O 21 de agosto de 1911, Vincenzo Peruggia, vestido con bata branca (o uniforme de traballo de copiadores e traballadores do museo), logrou roubar a célebre obra. O día anterior ocultouse nun dos numerosos armarios empotrados do Louvre, no que os copistas deixaban os seus lenzos e caballetes. Cando ao día seguinte o equipo de limpeza deixou a sala na que estaba a Gioconda, o ladrón saíu do seu escondite e, sen máis, descolgou a obra. O cadro é máis ben pequeno: tan só mide 76,8 x 53 centímetos. Ao día seguinte, escondeuno tranquilamente debaixo da súa bata. Era luns e o Louvre estaba pechado. Vincenzo Peruggia coñecía ben o Louvre. Entre outubro de 1910 e xaneiro de 1911 traballara alí como cristaleiro na cuberta que protexía a Gioconda. Só saíu algo mal no seu plan. A chave que abría a porta da escaleira, que lle permitiría abandoar o Louvre, non encaixaba. Sen embargo, un dos fontaneiros que traballaban no museo parisino abreulle a porta cunha das súas ferramentas.
Agora ben, actuou só Vincenzo Peruggia? O cadro de Leonardo da Vinci é pequeno, mais pesado. Leonardo da Vinci pintouna sobre unha táboa de madeira, ao que hai que engadir o marco tamén de madeira e a caixa de cristal que protexía a obra. Un obxecto bastante pesado para unha única persoa. A policía seguiu infructuosamente toda pista e todo rumor sobre a obra. Interrogou incluso a Pablo Picasso. A sospeita recaera en Picasso, entón un xoven artista, porque mercara unhas pequenas estatuas ibéricas ao belga Honoré Joseph Géry, que fora empregado do poeta Apollinaire, e roubara as obras do Louvre. 
A Mona Lisa seguía desaparecida. O propio Louvre perdera toda esperanza e colgou no seu lugar a obra de Rafael na que aparece un home retratado, Baldassare Castiglione. Ata que un día, Alfredo Geri, un marchante de arte de Florencia, recibiu unha carta de Peruggia. Na carta, firmada por un tal Leonardo, este afirmaba que tiña a intención de devolver a Gioconda a o seu país, e como contraprestación esixía 500.000 liras. Pero Geri acudiu á policía e Peruggia foi detido. Ante os tribunais alegou que roubara o cadro pero só porque se trataba dunha obra que pertence a Italia, ao igual que os cadros italianos que colgan do museos e que Napoleón levou a Francia. Sen embargo, parece ser que Peruggia ignoraba que a obra, realizada entre 1503 e 1506, chegara a Francia máis de 200 anos antes de Napoleón. Leonardo da Vinci traballou cara o final do seus días para Francisco I, rei de Francia, quen adquiría a obra, sen que pasase nunca a estar nas mans da familia Giocondo, mercader que encargara a Leonardo da Vinci o retrato da súa esposa. 
A película A banda Picasso (2012) do director español Fernando Colomo, recrea (de forma moi libre) o París de comezos do século XX e o roubo da Gioconda, implicando, na trama, ao pintor malagueño. 

Peruggia pasou sete meses no cárcere polo roubo. Morreu en 1947. Se realmente actuou en solitario ou con cómplices, e se tentou vender a Mona Lisa en Londres como moitas testemuñas afirman, son secretos que levou con el á tumba. Un misterio, como o sorriso da Mona Lisa. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario