mércores, 1 de maio de 2013

1º MAIO



Hoxe vimos de celebrar o día do traballador, rara avis nestes tempos, pero por que o primeiro de maio?  O Día Internacional dos Traballadores, o Primeiro de Maio, é a festa por antonomasia do movemento obreiro mundial. Quedou establecido como tal no Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889 (a institucionalización do 1 de maio como día do traballador tivo lugar no Congreso de Bruselas de 1891). O feito que da orixe á elección deste día é unha homenaxe aos Mártires de Chicago. 

A Historia dos Mártires de Chicago comeza nunha convención da Federación de traballadores de Estados Unidos e Canadá en 1884. Nesta convención, a Federación chamou aos traballadores a loitar pola xornada laboral de 8 horas (que se viña reclamando desde a década de 1860), para sustituir o día laboral de 10,12 e ata 16 horas que prevalecía. A Federación declarou que a xornada de 8 horas entaría a efecto o 1º de maio de 1886. 

O primeiro de maio de 1886, Albert Parsons, líder da organización laboral "Cabaleiros do Traballo de Chicago", dirixiu unha manifestación de 80 mil traballadores a través das rúas de Chicago, solicitando a reducción do horario laboral a 8 horas diarias. O lema daquela manifestación foi "oito horas de traballo, oito de descanso, oito de lecer". Na realidade, xa existía unha lei que marcaba unha xornada laboral de 8 horas, a Lei Ingersoll, pero nos contratos laborais, os empresarios engadían unha letra pequena que obrigaba aos obrerios a traballar 14 ou 16 horas se a empresa o requería. E requeríao a diario. Nos seguintes días uníronse a esta demanda 350.000 traballadores de toda a Unión Americana, que iniciaron unha folga nacional que afectou a máis de mil fábricas. A unión dos traballadores causou moita alarma entre os empresarios e na prensa, pois viron o inicio dunha "revolución" nas manifestacións. A represión da policía, por orde das autoridades, non tardaría en chegar. 

Os anarquistas convocaron unha reunión a noite do 4 de maio de 1886 no mercado da cidade (Haymarket) co propósito de protestar pola brutal acción policial que se estaba a producir. Cando a reunión estaba rematando, a policía pediu que a reunión se dispersara, e neses momentos estalou unha bomba que matou a un policía. Armouse un alboroto e a policía comezou a disparar. O saldo foron sete policías mortos, catro traballadores e moitos feridos. Nunca se soubo quen lanzou a bomba, pero este incidente tomouse como pretexto para perseguir a anarquistas e organizacións laborais ao longo do país. O 21 de xuño de 1886, oito líderes laborais (Parsons, Spies, Fielden, Schwab, Fischer, Lingg, Engle e Nebee) foron acusados de conspiración para provocar un asesinato pola explosión da bomba que matou ao policía. No xuízo, que condenou a sete deles a morrer aforcados e a un a 15 anos de cárcere, estivo chego de mentiras e manipulacións. A prensa tamén puxo o seu grao de area: "lunáticos antipatriotas", "rufiáns roxos comunistas", "brutos asesinos". O 11 de novembro de 1886 foron aforcados catro deles. Louise Lingg suicidouse en prisión e Fielden, Nebee e Schwab logaron conmutar a pena de morte por cadea perpetua. O caso de Haymarket provocou un escándalo internacional. O gobernador Oglesby recibiu centos de miles de cartas pedíndolle clemencia para os condeados, pero todo foi inútil. A verdadeira causa da morte non foi a explosión da bomba, senón a súa capacidade para organizar á clase obreira na demanda de melloras laborais. 

Recollemos unha frase do relato que escribe sobre a execución o corresponsal en Chicago, José Martí, do xornal La Nación de Buenos Aires (Arxentina). Spies grita: "a voz que ides a sofocar será máis poderosa no futuro que unhas cantas palabras puidese eu dicir agora". 


A xornada laboral de 8 horas en Estados Unidos tivo que esperar ata 1935 para ser aprobada, durante a presidencia de Franklin D. Roosvelt. 

Resulta paradóxico, á vez que significativo, que en Estados Unidos e Canadá non se celebra esta conmemoración. No seu canto, celébrase o Labor Day o primeiro luns de setembro, un día sen significado histórico, nun desfile realizado en Nova York. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario