domingo, 19 de maio de 2013

KLEE


Paul Klee: mestre da Bauhaus é a segunda exposición que a Fundación Juan March adica ao artista suizo. É unha mostra que se centra no proceso creativo e na faceta pedagóxica de Klee, dado que Klee foi mestre da cor e das formas na Bauhaus. 
A Bauhaus foi unha escola de artesanía, diseño, arte e arquitectura fundada en 1919 polo arquitecto Walter Gropius en Weimar (Alemaña). Posteriormente, a sede trasladaríase a Dessau, tamén en Alemaña. Coa chegada dos nazis ao poder pecharon ese centro. Na súa derradeira fase tivo como director ao arquitecto Ludwig Mies van der Rohe. A Bauhaus pretendeu mudar a forma da ensinanza artística como base para a transformación da sociedade do momento. A eles debémoslles as bases do que hoxe se coñece como deseño industrial e gráfico. 
A exposición está artellada arredor de cinco eixes sobre os cales xiraba o seu universo teórico e práctico: a cor, o ritmo, a natureza, a construción e o movemento. Expóñense 137 obras (pinturas, acuarelas e debuxos), realizadas entre 1899 e 1940. Ademais, exhíbense casi un centenar de "notas de clase" e complétase con fotografías da época, postais, axendas, herbarios que facía Klee na súa xuventude, libros da súa biblioteca (Goethe, Leonardo ...). 
A fundación Juan March inclúe ademais un ciclo de 5 concertos coa finalidade de dar a coñecer o mundo íntimo de Klee. E é que o pintor quixo converterse en violista profesional ata que decidiu decantarse pola pintura. Aínda así, a súa vocación musical sempre o acompañou ao longo de toda a súa vida. 
Paul Klee nacera en Suiza nunha localidade próxima a Berna pero desenvolvería a súa actividade tanto artística como profesional en Alemaña. Como cidadán alemán (o seu pai érao) tivo que incorporarse ao exército alemán durante a Primeira Guerra Mundial. Pese a ter nacido en Suiza e desexar renunciar á nacionalidade alemá morreu sen a nacionalidade suiza. En 1911 tivo contacto con outros artistas, Vasili Kandinsky e Franz Marc con quenes formou un grupo vencellado ao movemento expresionista. Walter Gropius púxose en contacto con el en 1920 para que dera clases na Bauhaus e alí impartiu clases de "Teoría da forma pictórica" entre 1921 e 1931. Fuxiu de Alemaña a causa do nazismo, onde foi declarado polo réxime nazi "artista dexenerado". Suiza saldou a súa débeda cun museo en Berna adicado a Klee. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario