sábado, 18 de maio de 2013

NON BARBIES, GRAZAS.



Jaime Moore, fotógrafa estadounidense, decidiu agasallar a súa filla cunha sesión de fotos polo seu quinto cumpreanos. Previamente, buscou algún titorial para o seu pequeno proxecto, pero o que atopou foi exemplos do estilo "como vestir á súa filla como unha fermosa princesa de Disney". Entón, comezou a pensar en todas as mulleres que Emma, a súa filla, debía coñecer, porque, en certa medida, aínda que ela non as chegase a coñecer mudaron a súa vida. E de aí saíron fotografías como a inspirada en Susan Brownell Anthony, líder feminista do movemento estadounidense dos dereitos civís, que xogou un papel importante na loita polos Dereitos da Muller no século XIX para garantir o dereito ao voto nos Estados Unidos. Ou, Helen Keller, activista política, sorda e cega, o que non foi nunca un impedimento para sentir a vida e non calar as verdades. Esta sesión de fotografías contrasta coas "barbies" dos concursos de beleza tan populares en Estados Unidos, nos cales as nenas son "moldeadas" como pequenos xoguetes dunha cadea de produción. Pero non temos que cruzar o Atlántico para ver os modelos estereotipados que se tentan inculcar ás nosas nenas. Pensemos na publicidade de Nadal ou nos disfraces do Entroido. Animar ás nosas nenas a que sexan mulleres autónomas e cunha personalidade propia é unha labor na cal temos moito por facer. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario