domingo, 1 de marzo de 2015

1925, FÚTBOL FEMININO EN ALLARIZ


O papel da muller nos anos 20 muda sustancialmente por mor do impacto da Primeira Guerra Mundial. 

Durante o conflito, a maioría dos homes loitaron na fronte, e por iso, as mulleres tiveron que farcerse cargo dos traballos que os homes abandoaran. Foi o primeiro paso da incorporación da muller á vida laboral en traballos que ata entón desempeñaban os homes. 

Por outro lado, comezaron a cobrar importancia os movementos feministas, xurdidos a comezos de século, que pedían para as mulleres dereitos fundamentais, como o dereito ao voto. 

A muller característica dos anos 20 é a chamada flapper, unha muller que rompe coas convencións sociais, co establecido. As flappers son mulleres que levan vestidos curtos, peiteados novos (bob cut ou garçonne) e usan moito maquillaxe. Ademais, escoitan e bailan jazz e charleston, adoptando outros costumes exclusivos dos homes ata aquel momento, como conducir automóbiles ou practicar deporte. As mulleres desta época rebeláronse contra a súa posición de mulleres floreiro, e para iso necesitaban roupas sinxelas. 



Non é que o papel da muller galega dos anos 20 mudase moito con respecto a décadas pasadas. O duro traballo no campo seguía a ser antes e despois a realidade da muller galega do rural. A emigración do XIX e comezos do XX levou a moitas mulleres a constituírse como cabezas de familia. Agora ben, os costumes e modas tamén se deixaron sentir en Galicia. E, para exemplo, esta marabillosa fotografía da equipa de fútbol feminino de Allariz no 1925. 

Lamentablemente, a ditadura franquista cortou de golpe os aires de liberdade e modernidade que se respiraban nos anos precedentes e condeou a un papel sumiso e ao sometemento da muller ao home, asumindo o único papel que as xerarquías eclesiásticas e políticas quixeron conferirlle á muller: esposa e nai. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario