venres, 27 de febreiro de 2015

A ARTE PERDIDA

As guerras e o fanatismo ideolóxico e relixioso teñen consecuencias irreparables para o patrimonio histórico-artístico da humanidade. A queima de libros e bibliotecas (Nínive, Alexandría, a biblioteca da Madrasa de Granada, "a fogueira das vanidades" de Savonarola en Florencia, a queima de libros xudeos durante a Alemania nazi, etc.) foi, e segue, a ser, tristemente, unha práctica habitual para tratar de apagar o pensamento diferente ao propio ou deixar para sempre no esquecemento o que un día se quixo perpetuar nos libros. 

Xunto coas terribles perdas humanas que deixan tras de si os conflitos, está tamén a destrución, o saqueo, o espolio do patrimonio artístico, de obras que, nalgúns casos desapareceron para sempre. 

Sen remontarnos á destrución que provocaron as dúas Guerras Mundiales do século XX, en tempos máis recentes podemos recordar a destrución dos Budas de Bamiyan. Unhas monumentales estatuas de Buda talladas aos lados dun acantilado no val de Bamiyan en Afganistán. Bamiyan está ubicada na Ruta da Seda, unha ruta de caravanas que unía China e India. Foi o lugar de varios mosteiros budistas. Os Budas eran unha mostra de arte greco-budista, realizados probablemente nos séculos V ou VI. Os Budas salváronse da súa destrución coa conquista musulmá de Afganistán, porén no 2001, o goberno islamista talibán decidiu que estas estatuas eran ídolos, e polo tanto contrarias ao Corán, ordenando a súa destrución. 


Coa invasión estadounidense de Irak (2003), o Museo Nacional de Irak (Bagdad) foi saqueado. Unhas 9.000 ou 10.000 obras, roubadas. E aínda que parte delas, como a Dama de Warka "a Mona Lisa sumeria" foron recuperadas, outras moitas non. 


A Guerra de Siria, que parece non ter fin, tamén trouxo consigo a destrución de numerosos lugares culturais patrimonio da humanidade, como o casco antigo de Alepo con 7.000 anos de antigüidade ou a Fortaleza dos Cabaleiros (a 65 kilómetros de Homs) que foi a sede da Orde do Hospital de San Xoan de Xerusalén na época das Cruzadas. 


Saltaba hoxe a noticia da destrución, tamén en Irak, de varias estatuas do Museo de Mosul, da man do Estado Islámico (EI). Armados con martelos e taladros, seguidores do denominado Estado Islámico destruíron pezas asirias e acadias que describen como "ídolos". "É un ataque deliberado contra a historia e a cultura milenarias de Irak e unha incitación á violencia e ao odio", en palabras da directora xeral da UNESCO, Irina Bokova. Unha nova provocación que se une aos brutais asasinatos que foron sucedendo desde a súa autoproclamación.


Hoxe vaise parte da nosa Historia, porque o patrimonio de Irak é tamén patrimonio de toda a Humanidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario