venres, 29 de marzo de 2013

OS IMPRESIONISTAS TOMAN MADRID



Dúas exposicións simultáneas na Fundación Mapfre e o Museo do Thyssen achegan a Madrid o Impresionismo, as súas vivas cores e a súa visión "fugaz" da natureza. 
O impresionismo é un movemento artístico do que hoxe contemplamos as súas obras sen que nos cause desacougo, ou cando menos nos escandalice, pero aquela exposición de 1874 no estudo de fotografía de Nadar deu que falar. Supuxo un gran escándalo e de feito, o nome co que coñecemos ao movemento, Impresionismo, prodece da crítica despectiva do xornalista Louis Leroy que fai da exposición, nun artigo publicado en Le Charivari, na cal fai mención ao cadro de Monet, Impresión, sol nacente.  Pero, que antecedentes e influencias tiveron? Pois, nese sentido, as exposicións dos museos madrileños fannos partícipes de parte dos seus antecesores. A Escola de Barbizon, Courbet, Manet, e os paisaxistas ingleses como Turner e Constable. Temos que engadir a influencia da fotografía e da estampa xaponesa. 
E, resultou o Impresionismo tan "rompedor" coa arte do seu tempo? Máis ca un movemento revolucionario, podemos consideralo o epílogo dunha concepción artística iniciada no Renacemento, é dicir, os impresionistas puxeron fin ao cadro entendido como mímese da natureza e sometido a unhas regras de perspectiva ata entón non cuestionadas. A pintura dos impresionistas emancípase das ataduras formais e ideolóxicas establecidas polas Academias. Para os impresionistas as cores non son inmutables, dependen da luz, das propias cores que se coloquen ao lado, e da percepción individual. O tempo, o paso do tempo, entraba tamén no cadro. A paisaxe, a cidade, os baixos fondos, o meramente anecdótico, poden ser un perfecto tema para os impresionistas. Os impresionistas pechaban unha porta e abrían múltiples fiestras: as vangardas. E neste sentido, podemos destacar que os propios postimpresionistas dan pé a vangardas tan importantes como o cubismo (Cézanne), ao expresionismo (Van Gogh) e ao simbolismo e o fauvismo (Gauguin).


.A exposición do Museo Thyssen, Impresionismo e aire libre. De Corot a Van Gogh, expón obras de Turner, Constable, Courbet, Monet, Sisley, Renoir e Cézanne, entre outros, que pintaron ao aire libre, coa luz que captaron na súa variación ao longo do día: ao mencer, ao mediodía, ao atardecer e ao crepúsculo. O lenzo abandoaba o estudo do artista para saír ao exterior e plasmar sobre a súa tea a impresión do momento. O resultado é unha pintura luminosa e vibrante, na que o fundamental é a pintura en si mesma e non o tema. Neste sentido, a mostra do Thyssen fai un pequeno recoñecemento ao "pai da pintura ao aire libre", pois case cen anos antes da Primeira Exposición Impresionista de París en 1874, o pintor Pierre-Henri Valenciennes xa saíra a pintar ao aire libre. Os impresionistas serían quenes levarían a pintura "plein air" á súa máxima expresión. En canto á exposición da Fundación MapfreObras maestras del Museo d'Orsay, trae a Madrid unhas 70 pinturas deste museo parisino. Obras de Monet, Van Gogh, Cézanne, Seurat, Signac, Pissarro, Gauguin ou Toulouse-Lautrec. 






Son como un escolar. A páxina branca ten que estar ben escrita e ... paf! unha mancha. Teño cuarenta anos e aínda estou coas manchas. Fun ver aos Rafael a Roma: é fermoso e debería telo visto antes. Está cheo de sabiduría. Non buscaba coma min cousas imposibles. Pero é fermoso. 
Renoir, Pierre Auguste. 








Ningún comentario:

Publicar un comentario