sábado, 30 de marzo de 2013

A BATALLA DE SAN ROMANO




A Batalla de San Romano é un tríptico do pintor renacentista Paolo Ucello. Foi realizado entre 1456 e 1460, e cada panel mostra unha etapa das vividas na batalla en que se enfrontaron os exércitos de Florencia cos de Siena e Milán, o 1 de xuño de 1432, preto do pequeno pobo de San Romano. 
Lionardo Bartolini Salimbeni, membro dunha destacada familia de comerciantes afincada en Florencia, foi quen encargou a pintura aínda que tamén estivo en mans de Lorenzo de Médici no seu palacio florentino Médici-Ricardi. 
Hoxe en día esta pintura se atopa separada, cada unha en tres diferentes museos de Europa: no museo do Louvre, no National Gallery de Londres e na Galería dos Uffizi en Florencia. 

Neste vídeo podemos achegarnos "á vida secreta" da pintura de Paolo Ucello, pero tamén ao contexto político do mosaico de repúblicas e cidades-estado da Italia do século XV. 




Paolo Ucello queda impresionado pola perspectiva, co cal se estaba a experimentar no Quattrocento. Así, podemos ver cómo as as lanzas rotas esparcidas polo chan están postas de forma que apuntan cara un "punto de fuga". Esta colocación matematicamente precisa é, en certa maneira, responsable da apariencia un tanto artificial do escenario no que ten lugar a batalla. Semella máis a escenificación dun torneo, presenta certa teatralidade. Os trípticos de Paolo Ucello son a escenificación pictórica dun tema histórico e conmemorativo. A luz tamén acada un acentuado nivel de irrealidade, pero non á maneira simbólica da iluminación medieval, senón como o efecto do que poderiamos chamar luz escénica. Por outra parte, temos que destacar desta obra a concepción volumétrica de cada obxecto e figura no espazo. Masaccio xa lle concedera moita importancia ao volume dos corpos, e, anteriormente, Giotto, coa finalidade de crear unha idea de profundidad espacial. No caso da obra de Paolo Ucello, os obxectos e corpos están distribuídos de tal forma que a través deles desenvólvese a trama perspectiva do escenario. Estaba realmente obsesionado coa perspectiva! 

Oh che dolce cosa è questa prospettiva! (Paolo Ucello). 

Esta obsesión pola perspectiva podemos vela en outras obras do mesmo pintor. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario