sábado, 18 de maio de 2013

ESCRACHES



Miles de palabras do castelán viaxaron cara América, pero outras chegaron, e chegan, a España desde o outro lado do Atlántico. Así, por exemplo, os españoles din "tiza", cando a orixe desta palabra está no náhuatl, lingua precolombina mexicana, na cal á "tiza" (en galego, xiz) chámaselle "tizatl". Pola súa parte, os mexicanos chámanlle á "tiza" "gis", do latín (gypsum). 
De América tamén nos vén un termo moi empregado na actualidade: escrache. Un vocablo que vén a designar un feito novo, que non dispuña doutro específico: as manifestacións ruidosas perante as casas dos políticos ou personaxes de trascendencia pública. O Diccionario da Real Academia Española da Lingua (DRAE) non recolle o sustantivo escrache, pero si o verbo escrachar como un coloquialismo arxentino e uruguayo con dúas acepcións: "romper, destruír, aplastar" e "fotografiar a unha persoa". Esta última acepción está relacionada coa finalidade que teñen os escraches como protestas, pois trátase de "retratar" aos personaxes públicos contra os que se están manifestando. Escrache, no diccionario da Academia das Letras arxentina, aparece definido como: denuncia popular en contra de persoas acusadas de violacións aos dereitos humanos ou de corrupción, que se realiza mediante actos tales como sentadas, cánticos ou pintadas, fronte ao seu domicilio particular ou en lugares públicos. Pero parece ser que estamos falando dunha palabra viaxeira. A súa orixe podería estar no termo inglés scratch (rabuñadura), do xenovés scraccé (fotografía, retrato), do italiano schiacciare (aplastar) ou do francés écraser (aplatar, destruír). Este último vocablo empregábao con frecuencia Voltaire para referirse á loita contra o Antigo Réxime. O lugar no que xermola a palabra é o lunfardo, unha xerga do español orixinada na cidade de Bos Aires (Arxentina) e nos seus arredores, onde o número de emigrantes italianos era moi elevado, polo cal non resultaría estrano que a súa orixe etimolóxica estivese no italiano. En lunfardo, escrachar significaba ficha policial ou retrato moi feo de alguén. 


Sexa como sexa, o escrache popularizouse nos anos noventa como a forma de protesta fronte as vivendas das persoas que foran procesadas por presuntos delitos na ditadura de Videla (quen, por certo, faleceu o venres) e que logo foran postas en liberdade. A agrupación dos Dereitos Humanos HIJOS foi quen adoptou este vocablo. Máis tarde, o escrache, como forma de protesta, extenderase en Arxentina sobre todo a partir do ano 2000, cando os cidadáns toman as rúas para xeneralizar a súa protesta contra os políticos, na época do Corralito arxentino, momento no cal os depósitos dos aforradores foron inmobilizados nos bancos. 
Pero se imos máis aló no tempo, podemos retrotaer a orixe dos escraches a 1971, durante a caza de asesinos nazis ao finalizar a II Guerra Mundial. Sergue e Beate Klarsfeld, el un abogado francés de orixe xudío e ela a filla dun soldado do exército alemán, descubriron o domicilio do oficial das SS Klaus Barbie, o carniceiro de Lyon, en Bolivia, así como os domicilios de alemáns como Kurt Lischka (xefe da Xestapo), Herbert Hagen (xefe das SS)  e Ernst Heinrichsohn (garda dun campo de concentración). Acudiron con cámaras á porta destes domicilios e houbo supervivintes dos campos de concentración protestando encadeándose á fachada desas casas. Conseguiron que estes nazis fosen xulgados e condeados. Por iso, certos políticos deberían aplicar a mesma moderación que piden para os manifestantes á súa linguaxe cando chaman nazis a esas persoas, e tampouco estaría de máis que curasen a súa ignorancia. 

NON BARBIES, GRAZAS.



Jaime Moore, fotógrafa estadounidense, decidiu agasallar a súa filla cunha sesión de fotos polo seu quinto cumpreanos. Previamente, buscou algún titorial para o seu pequeno proxecto, pero o que atopou foi exemplos do estilo "como vestir á súa filla como unha fermosa princesa de Disney". Entón, comezou a pensar en todas as mulleres que Emma, a súa filla, debía coñecer, porque, en certa medida, aínda que ela non as chegase a coñecer mudaron a súa vida. E de aí saíron fotografías como a inspirada en Susan Brownell Anthony, líder feminista do movemento estadounidense dos dereitos civís, que xogou un papel importante na loita polos Dereitos da Muller no século XIX para garantir o dereito ao voto nos Estados Unidos. Ou, Helen Keller, activista política, sorda e cega, o que non foi nunca un impedimento para sentir a vida e non calar as verdades. Esta sesión de fotografías contrasta coas "barbies" dos concursos de beleza tan populares en Estados Unidos, nos cales as nenas son "moldeadas" como pequenos xoguetes dunha cadea de produción. Pero non temos que cruzar o Atlántico para ver os modelos estereotipados que se tentan inculcar ás nosas nenas. Pensemos na publicidade de Nadal ou nos disfraces do Entroido. Animar ás nosas nenas a que sexan mulleres autónomas e cunha personalidade propia é unha labor na cal temos moito por facer. 

venres, 17 de maio de 2013

A ALMA DO MUNDO

O centro cultural Conde Duque abre unha mostra de fotografía titulada A alma do mundo  con fotografías de Miguel Ángel Sánchez sobre o Exipto trala primavera árabe. O que máis me chama a atención son as conexións entre as fotografías e o tenebrismo do pintor barroco italiano Caravaggio ou o valenciano Ribera. 
O fotógrafo, artífice da exposición, seleccionou 80 fotografías para representar aos 80 millóns de habitantes que viven en Exipto e reunidos nun libro El alma del mundo con textos escritos pola periodista Nuria Tesón. Un reflexo do mosaico social de Exipto. En propias palabras do autor: "Quixen falar de realidades que vemos cada día en O Cairo, o núcleo de Exipto por onde pasa todo o mundo: o acoso sexual ás mulleres, a pobreza extrema, a diferenza entre as clases sociais cada vez maior ou ese individualismo que xenera a propia pobreza e produce unha sorte de picaresca española do barroco". 



mércores, 15 de maio de 2013

MESTRAS DA REPÚBLICA


Neste vídeo achégamonos á historia dunha mestra da República, pero tamén aos dereitos acadados polas mulleres durante a época da República. Uns dereitos que foron cortados de raíz coa chegada da "longa noite de pedra" que supuxo o Franquismo.
A FETE-UGT acaba de finalizar un documental sobre a labor das mestras durante a República. O traballo segue aberto pois aparecen novos casos e novas historias que permiten enriquecer os datos que se foron recompilando. A eduación constituíu un dos grandes compromisos sociais da Segunda República. Buscábase levar a cultura e ensinanza aos rincóns máis remotos do país na procura dunha sociedade máis libre e igualitaria. As mestras participaron de forma activa neste proxecto. Mulleres que crían na igualdade  e na coeducación, derrubaron os muros que separaban alumnos e alumnas, pois defendían que a coeducación está na base dunha aprendizaxe de vida en igualdade. Este proxecto quedou interrumpido trala guerra civil. A represión foi especialmente dura coas mestras. Represariadas non só por ser republicanas, senón, fundamentalmente, por representar un modelo de muller, libre e autónoma, contrario ao ideal de muller que buscaba impoñer o réxime: unha muller sumisa e sometida ao home. 
No blogue maestras republicanas podemos coñecer casos concretos con nome e rostro propio. 



domingo, 12 de maio de 2013

LEANDRO LAMAS



Leandro Lamas é un pintor e ilustrador que me encanta. Gústame pola vitalidade das súas obras, cheas de cor, de alegría, rebosantes de amor e sensualidade. Leva desde 1998 adicándose á pintura. O "seu laboratorio de formas" está en Neda, moi preto da miña vila natal, onde ten un mural adicado á festa do pan. É posible que o coñezades polas ilustracións que fixo para o libro O conto do Apalpador, pero non é o único libro para o cal fixo ilustracións, tan coloristas como as súas pinturas e murais. 





LA LIBERTAD ES COMO UNA COMETA. VUELA PORQUE ESTÁ ATADA


O 8 de abril morría José Luis Sampedro. E parece que xa van quedando poucas voces que cunha serenidade e claridade fascinantes alumbraban a luz da verdade sobre a vida, sobre a Humanidade, sobre o noso día a día. Foi escritor e economista, ambas as dúas facetas exercidas desde a vocación humanista e comprometida. Defensor a ultranza da liberdade de pensamento. 

Elixo unha das súas frases para esta entrada: La libertad es como una cometa. Vuela porque está atada. Dicía, o poder quérenos asustados. O poder nos asusta para dominarnos. Sen liberdade de pensamento, a liberdade de expresión, a democracia, non vale nada. Invitábanos a seguir aprendendo sempre, a seguir coñecéndonos. Retomaba a máxima grega "Coñécete a ti mesmo". 
Sampedro era un defensor da vida, dunha vida tamén máis xusta. Entendía a economía desde unha perspectiva humanista. Alonxada dos números que teñen que casar sen ter en conta as vidas que hai detrás. Sampedro era o que o sistema chama antisistema, un insubordinado deste mundo insostible que o mercado creou destruíndo outros mundos posibles. Malia súa avanzada idade, non se cansaba de recordarnos que é necesidade desobedecer, opornos a un modelo inxusto e desigual. Non nos podemos rendir. Como dicía el, temos o deber de vivir e de pensar libremente. Sampedro dicía que queren facernos crer que non hai outro mundo, que non nos queda outra, pero este mundo vai mudar porque está agotado, non se sostén, morre. Temos o deber de tentar que sexa un mundo máis xusto, máis humano, máis vivible. Esa foi a súa derradeira vontade, segundo a súa muller: que non lle choremos, que gastemos esas forzas combatendo. 
"Qué importa mi boca cerrada, ¡cuando piensas con el alma te oyen!".

NATIVOS AMERICANOS NO VATICANO



A Resurrección de Cristo, obra de Pinturicchio (1453-1513), con Alexandre VI axeonllado, coas mans xuntas, domina o salón dos Misterios do Vaticano. Detrás, aparecen un grupo de pequenas figuras que o director do taller de restauración dos Museos Vaticanos, Maurizio De Luca, identifica coa primeira representación de nativos americanos. 
Cristóbal Colón escribía aos Reis Católicos "Achei moitas illas poboadas con xente sen número. (...) Andaban todos nús, homes e mulleres" nunha carta datada o 4 de marzo de 1493, tralo seu regreso de América. A carta foi entregada en Barcelona no mes de abril. As novas do descobremento dunhas terras por conquistar e poboacións ás que evanxelizar chegou pronto a oídos do Papa Alexandre V. Entre maio e setembro do mesmo ano firmou catro bulas polas que se entregaban á Coroa de Castela boa parte do territorio ultramariño. Ao tempo, Pinturicchio estaba a decorar seis salóns do palazo Vaticano. Nuns deses frescos, rematados en 1494, e recén restaurados, asoma un grupo de homes nús, de pel aceitunada. Algúns dos cales parecen bailar. O propio Cristóbal Colón trouxera consigo a seis indios nativos, que acabaron morrendo, os pobres, de frío.