martes, 8 de marzo de 2016

VERSALLES




O rei francés Luís XIV construíu o Palacio de Versalles que se convertiría en símbolo do absolutismo. Comezado seguindo os plans do arquitecto Le Vau, foi continuado por Hardouin-Mansart (o seu tío avó deu nome a un tipo de ventá no tellado que sería empregada por Hardouin-Mansart en Versalles) e a capela, finalizada trala morte de Mansart, por Roberto de Cotte. Os xardíns foron deseñados por André Le Nôtre. 





Versalles é unha obra Barroca, pero o Barroco francés caracterizouse polas liñas rectas e unha decoración menos abundante. A concepción desta obra segue as estritas normas do clasicismo francés que, no exterior, podemos ver na conformación das fachadas. O palacio organízase en tres pisos, correspondentes no interior á zona de servizos (baixo), salóns principais (pranta nobre) e apousentos íntimos (superior). A fachada empeza cun primeiro corpo a xeito de gran zócolo, onde parece que se asenta a estrutura principal, para rematar nun terceiro nivel de pequenas fiestras. O avance de certas partes do muro decoradas con columnas é unha das poucas concesións ao Barroco, aínda que as salas internas ostentosamente decoradas, e mesmo reorganizadas posteriormente en estilo rococó, quebran a frialdade do clásico para se inscribir na liña de ostentación barroca. 

O palacio está a uns 18 km ao suroeste de París. Orixinariamente era un pavillón de caza construído no 1624 por Luís XIII, pai de Luís XIV. 

Cando Luís XIV acadou a maioría de idade no 1661 adicouse á construción dun palacio digno do seu poder e da súa imaxe como Rei Sol. Ao igual que sobre o Sol xiraban o resto dos planetas, Luís XIV fixo que arredor del xiraran a súa corte, os nobres e funcionarios do goberno francés. A corte sería trasladada en 1682 a Versalles. Na súa función práctica, Versalles foi construído para ser a residencia do rei Luís XIV e a súa corte. Non obstante, a súa grandiosidade e suntuosidade foi explotada como un valor propagandístico de exaltación do réxime monárquico absolutista e como mostra da hexemonía política de Francia en Europa

As dimensións do edificio eran tan grandes que se podía considerar como unha pequena cidade: vivían nel máis de 20.000 persoas. Luís XIV quixo construír o palacio máis magnífico do seu tempo para demostrar que era o rei máis poderoso do mundo. 

Dentro do palacio destaca a Galería dos Espellos. Esta estancia exalta o éxito político (bóveda pintada por Le Brun que ilustran vitorias militares e diplomáticas), económico (357 espellos que adornan a estancia e demostran que a nova manufactura francesa de espellos era capaz de arrebatarlle a Venecia o monopolio dos espellos, que por aquel entón era un produto de luxo) e artístico (pilastas de mármore e capiteis de bronce dourado decorado cos emblemas nacionais: flor de lis e o sol real entre dous galos franceses) de Francia. A Galería servía diariamente de lugar de paso, de espera e de encontros, sendo frecuentada por cortesanos e visitantes. Excepcionalmente tamén foi escenario de cerimonias, cando os soberanos querían facer ostentación do maior esplendor en recepcións diplomáticas ou diversións (bailes e xogos) ofrecidas con motivo de matriomonios principescos. O trono se instalaba entón nun extremo da Galería. Aquí tamén se firmou o 28 de xuño de 1919 o Tratado de Versalles, que poñía punto final á Primeira Guerra Mundial.

A vida cotiá era tremendamente ríxida, encorseta e repleta de incomodidades e deficiencias sanitarias. As condicións do palacio eran insalubres, a hixiene brilaba pola súa ausencia. Tan só o rei e a súa familia directa disfrutaban dunha posición de máximo privilexio que se vía reforzada con cerimonias constantes arredor dos aspectos cotiás da vida do rei: o cerimonial de erguerse, as reunións cos seus ministros, os seus paseos e comidas, especialmente a cea. Luís XIV impuxo un ríxido cerimonial dirixido a manifestar a preeminencia do soberano. A asimilación establecida entre o rei e o Sol era tan grande que toda a súa xornada diaria estaba en consonancia coa traxectoria do Sol, motivo polo cal a súa habitación estaba situada xusto no corazón mesmo do palico, no centro do eixe Leste-Oeste que marca o movemento solar.

A vida na corte
O rei utilizaba as numerosas festas, paseos e excursións como forma de recompensa ou de castigo, e convidaba a tal nobre ou non convidaba a tal outro. Como xa recoñecera que non tiña suficientes medios para pagar mercés, substituíu as recompensas auténticas por outras imaxinarias, creando envexas que el mesmo fometnaba a base de pequenos favores ou benevolencia cara a certas persoas. Ninguén foi tan hábil coma el nestas manobras.
                                          SAINT-SIMÓN (1675-1755). Memorias

Ningún comentario:

Publicar un comentario